Resistencia católica



Seica vivo nun país laico e aconfesional. Eu recoñezo ser ateo, pero nas estatísticas formo parte da comunidade católica porque bautizáronme e fixéronme a comunión sen opción á elección. Logo fun ata catequista e cheguei a confirmarme, e isto xa foi unha escolla persoal e de feito, preto do remate da EXB (educación primaria dos meus tempos) ata quería ser crego. Estaba convencido e durou ata que madurei e comecei a razoar de verdade por min mesmo. Coido que non son un caso illado.

Pouco máis da metade da poboación española é católica. Deles, menos da metade dos católicos, pero moitos menos, son practicantes.

Sabemos que a natalidade está en números vermellos. Non podemos presumir de especie con afán reprodutor... por iso, os extremistas relixiosos tamén fan falla, pois non acostuman a poñer límites e eles, a este ritmo, manterán vivo ao ser humano.

Pero o caso é que a meirande parte das crianzas desexan facer a primeira comunión, aínda que na casa non sexan instruídos nela.

E como é que pode ser isto?

Pois porque temos un sistema educativo que ten que apoiarse no sector privado. Explícome:

A nosa Escola Pública subcontrata servizos privados para poder ofertar prazas ao alumnado que queda fóra da oferta pública e gratuíta. Si, refírome aos Colexios Concertados. Coñeces moitos que non sexan católicos?

As nosas crianzas, nos colexios católicos concertados reciben unha educación influenciada por esa relixión que os marca incluso socialmente.

Podería ser que na mesma familia atea, só os membros que acudan a estos centros, desexen cursar tal experiencia. Sobre todo porque lle ven esa vantaxe materialista dos agasallos maila posta en escea. Unha boa festa, unha boa lea!

Porén, iso non significa que vaian ser practicantes. Algún haberá que si. A meirande parte desa rapazada, rematada a festa, esquecerase do conto. Pero coma número será tan católico coma min, que é o que realmente lle interesa á Igrexa... bon... iso máis que marques a casa deles na declaración do IRPF, cousa que eu fago sen dubidar porque mal tampouco me fai. Hai que recoñecer que tamén fan labores sociais moi importantes, independientemente do que vaiamos a crer ou non no eido metafísico.

Comentarios