Alumean cacharelas na noite do San Xoán


Esta noite meiga na que o lume foi protagonista, saín fotar para traerche material fresquiño. Estou seguro de que escoitaches máis dunha vez que as fotos hai que deixalas "repousar". Se ben estou dacordo, ten en conta que os editores gráficos de medios de comunicación, non se rexen desa máxima cando ofrecen as novas sobre un evento. Na escolla ás veces é un detalliño de nada o que marca a diferenza. Anoite, entre un cento de imaxes, o lume cobrou vida nunha delas, transformándose neste ser ao que o saltador parece ademais estar a piques de dar unha boa estocada.

Coincidindo co solsticio de verán, a noite do 23 de xuño celebramos a cristianizada festa pagana que pasamos a denominar do San Xoán e desde hai moito tempo, celébranse rituais en diversos lugares non só da Galiza, senón tamén de todo o mundo; polo xeral, arredor das fogueiras. O sol vai estar no seu punto máis alto, falando desde a perspectiva humana, e podemos gozar dos días máis longos do ano, falando da perspectiva da luz.

Na nosa terra, esta festividade está bastante arraigada e non falta comida, bebida, música e baile arredor do lume; algo que ademais xunta á veciñanza dun xeito participativo. Unha noite onde confrontamos luz e escuridade, ben e mal, Sol e Lúa, Día e Noite, e onde contan as lendas que as criaturas máis terroríficas saen no que será a noite máis curta do ano. Procuramos protección contra meigas, trasnos, fadas, moures... saltando o que na miña localidade demos en chamar cacharelas e preparamos augas con herbas para lavarmos ao abrente e rematar con éxito o esconxuro. Creámolo ou non, esta noite é sempre meiga e vivímola baixo unha atmosfera envolta de maxia e encantamentos.

Comentarios