Publicacións

Mostrando publicacións desta data: xuño, 2024

De cando fun non binario

Imaxe
A identidade de xénero non a marcan os órganos sexuais tal e coma pensan algúns; de feito, a natureza e incluso a nosa propia historia está chea de exemplos e, o que nunca chegarei a comprender, é que con toda a cultura e información que temos na nosa man, cada ano teñamos que lembrar que somos unha especie naturalmente diversa. Botando unha ollada ao meu propio pasado, lembrei as veces nos que fun un ser non binario. Daquela, e tamén na miña mocidade, foi confundida moitas veces a miña identidade de xénero. Esta foto que me tiraron de meniñe, resultoume moi clarificadora; pois ollándome desde fóra, non tería moi clara se me acho ante nena ou neno... e así foi durante moitos anos. Pola miña banda, sempre sentín admiración e atracción pola beleza física do corpo humano, sexa cal sexa o seu aparato xenital ou reprodutor. Coido que isto tamén me axuda á hora de observar fotograficamente.

Patas baixo cadeiras

Imaxe
As anomalías parécenme moi divertidas e curiosas de atopar. Xusto pasando por diante dun escaparate chamáronme a atención estas cadeiras que colocadas en sucesión conformarían unha repetición no que xusto a máis escura poderiámola definir coma unha desas anomalías.  Mentres estudaba a perspectiva do que podía fotar nese lugar decateime que pola outra beirarrúa baixaba unha persoa que precisaba de bastón para camiñar e agardando ter sorte para que quedase máis ou menos ben situada, penso que ao final conseguínlle atopar as tres patas ao lugar.

As cousas non sempre son o que parecen

Imaxe
Procurando por unha imaxe en branco e negro para seguir nesa liña monocromática un par de días máis, atopei esta trampullada que fíxome graza porque ademais amosa o día de hoxe en primeiro plano. E nada mellor ca iso para lembrarche que ás veces, nada é o que parece. Un recurso artístico que me gusta moito é o da trampullada. Neste caso concreto amósoche como hai situacións que podemos malinterpretar e sentirmos incluso sinalados cando nunca aconteceu tal cousa.

Catro en liña

Imaxe
Sempre me chamaron a atención os cruceiros. Na Galiza é rara a vila onde non atopes un. Pero non veño hoxe falar nin de relixión, nin de historia. Cando atopei este cruceiro na vila do Ézaro, pensei de primeiras que igual tanto cable eléctrico íalle quedar mal e o primeiro que me veu á cabeza foi que tería que usar retoque para eliminalo. Coido que é algo que moitos fotógrafos barallarían. Mais retocar non me divirte e trato de evitalo. Iso ensinoume que ás veces non se trata de eliminar, senón de integrar . 

Alumean cacharelas na noite do San Xoán

Imaxe
Esta noite meiga na que o lume foi protagonista, saín fotar para traerche material fresquiño. Estou seguro de que escoitaches máis dunha vez que as fotos hai que deixalas "repousar". Se ben estou dacordo, ten en conta que os editores gráficos de medios de comunicación, non se rexen desa máxima cando ofrecen as novas sobre un evento. Na escolla ás veces é un detalliño de nada o que marca a diferenza. Anoite, entre un cento de imaxes, o lume cobrou vida nunha delas, transformándose neste ser ao que o saltador parece ademais estar a piques de dar unha boa estocada. Coincidindo co solsticio de verán, a noite do 23 de xuño celebramos a cristianizada festa pagana que pasamos a denominar do San Xoán e desde hai moito tempo, celébranse rituais en diversos lugares non só da Galiza, senón tamén de todo o mundo; polo xeral, arredor das fogueiras. O sol vai estar no seu punto máis alto, falando desde a perspectiva humana, e podemos gozar dos días máis longos do ano, falando da perspectiv

Resistencia católica

Imaxe
Seica vivo nun país laico e aconfesional. Eu recoñezo ser ateo, pero nas estatísticas formo parte da comunidade católica porque bautizáronme e fixéronme a comunión sen opción á elección. Logo fun ata catequista e cheguei a confirmarme, e isto xa foi unha escolla persoal e de feito, preto do remate da EXB (educación primaria dos meus tempos) ata quería ser crego. Estaba convencido e durou ata que madurei e comecei a razoar de verdade por min mesmo. Coido que non son un caso illado. Pouco máis da metade da poboación española é católica. Deles, menos da metade dos católicos, pero moitos menos, son practicantes. Sabemos que a natalidade está en números vermellos. Non podemos presumir de especie con afán reprodutor... por iso, os extremistas relixiosos tamén fan falla, pois non acostuman a poñer límites e eles, a este ritmo, manterán vivo ao ser humano. Pero o caso é que a meirande parte das crianzas desexan facer a primeira comunión, aínda que na casa non sexan instruídos nela. E como é qu

Separados

Imaxe
Unhas pequenas pantallas que nos unen coma especie e nos din que todos, cas nosas diferencias e dentro de tanta variedade, estamos realmente feito da mesma materia. Pero tamén sepáranos, ese aparello tan atractivo íllanos do resto do mundo e fainos perder a verdadeira esencia da vida... gozar dela, tanto da nosa coma da dos demais.  

O atusmador atusmado

Imaxe
Certo é que considérome un fotógrafo moi simple, e procuro ser moi naif na miña observación. Pero ver a Fado asexando pola fiestra, con esa marabilla de luz que lle caía, puido comigo.  Sendo listo coma é, sabía eu que de levarme a cámara ao ollo, el deixaría de atusmar, viraría cara min e... premio!  

Unha moura veu a verme

Imaxe
Un nu non ten porqué ser explícito. Canto máis agocha, máis insinúa. Deste xeito quero comezar unha serie se publicacións monocromáticas, que tamén gusto de prescindir da cor de cando en vez. O que si, se chegaches até aquí, gañaches un premio que non obterán aqueles que ficaron nas redes sociais. Un obsequio digno do mellor programa de fenómenos extranos que poidas atopar. Fixácheste en quen observa desde a escuridade? Ou só ficaches a observar o obvio... anda! amplía a foto e observa con atención alá no fondo, na zona escura...

Eu son raro

Imaxe
Chamoume moito a atención esta caligráfica combinación, ademais dese camiñar que se me fai tan interesante cando se cruzan os dedos ás costas. Sen falar deses dedos entrelazados mentres camiñaba o portador de tal cartaz. " Weird ", que ven sendo raro, extraño, curioso... algo que moito tempo foi usado para atacar a quenes así eran sinalados, tamén significa misterioso, peculiar... en fin, que ser weird é todo o contrario a ser unha persoa corrente, faiche único e por elo moi interesante. Polo menos para un observador coma min e admirador da beleza do mundo que o rodea.

Inspirado por Matt Stuart

Imaxe
Atopei esta folliña tirada no chan e rapidamente acordei do xenial Matt Stuart . Por suposto, non pretendo nin compararme con el, e agardo que esta burda copia do seu traballo non lle pareza mal.  Se non coñeces o traballo de Matt Stuart , (nesta ligazón tes o seu Instagram) e se non liches ningún dos seus libros, xa estás tardando. O bon humor e saber estar na rúa poden ser unha boa referencia para calquera que goce ou quixera gozar da fotografía urbana. A foto de Matt Stuart ten un aquel que é inimitábel... esa si que é unha marabilla de foto! Irradia alegría, algo especial. Non sei... eu vexo a súa foto e o que transmite, é algo moi distinto. A miña mola pola pareidolia completada cos ollos e narís, pero a de Stuart, sen necesidade de máis; só coa folla, foi capaz de transmitir un xesto moito máis humano e cheo de optimismo e ledicia. A fotografía tirada por Matt Stuart, non é unha foto sinxela, nada sinxela. Por iso eu a vexo coma unha Obra Mestra.

Autorretrato

Imaxe
De cando en vez, aos fotógrafos urbanos gústanos tamén saíres dentro dalgunha composición, facéndonos protagonistas da mesma. Unha cristaleira maltratada polo vandalismo daqueles que se pensan artistas e non saben facer máis ca borranchos pode resultar moi útil para incluírte dalgún xeito e, polo menos "arranxar" ou colaborar co desastre.

Sempre canda un

Imaxe
O noventa por cento das fotos que tiro non as publico en ningures, quedan impresas nos meus álbumes. Pero de cando en vez, mándolle instantáneas do meu día a algún amigo. Unha pregunta que me fai sempre graza é o de "levas sempre a cámara contigo?" ao que respondo "sempre, e ata durme canda min" ... e non, non falo da cámara do móbil no meu caso en particular. Paréceme moi importante tela sempre na man. Por unha banda, a xente xa che asocia con ela e cando te atopan, saben que fas no tempo libre. Por outra, un sinxelo paseo en familia, un escaparate no que a luz da media tarde reflicte e amosa submundos invisíbeis para o peón non observador, pode agasallarte cunha instantánea con moitas capas.  E si, se non tes unha cámara ca que te sintas cómodo para levala sempre contigo a todas horas, a do móbil podería valer.

A ver quen guía a quen

Imaxe
Ás veces non teño moi claro quen guía, o que me sorprende é que non haxa moitos máis accidentes. E por certo, se pensades que a mochila vai baleira, estades equivocados. Na mochila viaxo eu! Esta imaxe forma parte da serie " Marabillosos acompañantes ".

A espectación da chegada

Imaxe
Un peregrino chega á Praza do Obradoiro, tras o que se supón unha dura e longa viaxe. Parece ser o seu momento de gloria, xenerando moita expectación. Pero tamén un residente da praza apostólica quere dárlle a benvida cun aplauso formando unha figura que coincide coas extremidades artificiais do camiñante.

Canciños

Imaxe
Unha das cousas máis divertidas que ten a Fotografía é o da procura de efectos que non sempre son tan claros de ler se non tes certa práctica. Nesta imaxe que forma parte da serie " Marabillosos acompañantes ", igual agóchase unha sorpresa visual que non podería existir sen certo factor de consciencia fotográfica e uns gramiños de sorte. A hora do día na que fotei foi decisiva para atopar sombras potentes. A que proxecta o transeúnte houbo unhas décimas de segundo na que se fusionou coa do canciño formando outra que lembra a ese mitolóxico ser coñecido coma centauro.

Verde...

Imaxe
O que máis me engancha da fotografía urbana é esa marabillosa coincidencia que atopamos de cando en vez obrigándonos a fotar. Neste caso atopei unha coincidencia tanto de cor coma de textura e formas, ademais dunha curiosidade producida polo momento maila perspectiva.

O bon nunca abonda

Imaxe
En realidade xa levo uns días co  modo traballo activado , pero isto non é cousa de publicarse en directo... pois a xente que o fai pón en risco a súa propia integridade física ou material. Pero certo que ao bon acostumámonos rapidamente e que remata nun ir e vir. Neste tempo aproveitei a descansar corpo e mente, a engordar coma un bocoi e tamén a pasar moito tempo con Fado. Non minto se digo que botarei en falla esos intres de lectura ao seu carón, esos agarimos sen hora de caducidade polo frenesí da vida cotiá. Supoño que o sentimento non é mutuo, pero faime feliz pensar que así é.

Esa ollada...

Imaxe
Os reflexos nos escaparates das tendas permítenos captar imaxes moi creativas e curiosas, cargadas de ensoñamento. Nesta libraría de segunda man, atopei exposta unha antiga cámara e un libro que presentaba unha imaxe de portada moi potente e cun título que a pesar de non estar o libro relacionado coa nosa paixón, é moi suxerente. Esa ollada monocromática compite con forza coa cor do resto da escena. Na rúa reflíctese o tráfico rodado, máis a miña mínima paciencia para ficar no mismo lugar, abondou para que unha persoa en bicicleta cruzase agasallándome con certo dinamismo.

Autorretratos na sombra

Imaxe
A fotografía urbana está chea de clichés e por unha banda debemos de fuxir deles mais por outra tampouco temelos. Un deles son as sombras que ademais permítennos tamén incluírnos na propia escena. Entre as dúas imaxes que hoxe che traio pasou bastante tempo, pero foron tiradas na mesma localidade.  Na primeira falo precisamente dese perigo do cliché e na segunda xogo a completar visualmente a árbore.  Tamén dicir que podemos vermos tentados ao branco e negro cando falamos de sombras ou incluso a contrastar moito para acentuar a silueta. Mais eu penso que non sempre é preciso. O caso, coma sempre, é divertirse! 

Cores que seica matan

Imaxe
O inzamento de certas roupas deportivas que popularizaron as tendas especializadas, con cores estridentes e con moita fosforescencia, convertéronse en implacábeis inimigos dos fotógrafos que gozamos dos espazos urbanos. Pero se atopamos o escenario axeitado podemos integralos perfectamente... quen dixo medo? Aínda que o certo é que son pezas horrorosas e charramangueiras.

Sentidiño ao volante

Imaxe
Unha mestura de reflexos e dobres exposicións poden reflectir o estado de nerviosidade que debe controlar aquel que teña que baterse en duelo co cuestionario ou a proba práctica do carné de conducir. Lembra! ao volante moito sentidiño e sobre todo tranquilidade.

O Gardián das Chaves

Imaxe
Quenes me coñecen saben ben que unha das miñas afeccións "secretas" é a banda deseñada. Coma bon amante dela, gozo moito tamén co estilo manga xaponés e por suposto, tamén do cine de animación e do Anime (que é coma lle chamamos ao estilo nipón). Pois ben, unha das series Manga e Anime que máis me gustan é Kimetsu No Jaiba (Demon Slayer ou Gardiáns da Noite coma é que a coñemos no noso idioma). Unha das personaxes á que máis simpatía lle gardo é precidamente Inosuke. Grazas á artista viguesa Isa Cobo , podo levar a Inosuke comigo a diario a través da súa estupenda ilustración insertada nun chaveiro de gran calidade. Tanto esta peza coma outras as podedes atopar na escola de Debuxo e Pintura Espacio Magenta do Milladoiro onde entroutras cousas e con moita paciencia, tratan de que aprenda tamén a debuxar eu mesmo algo 😁  ...E é que a min gústame tamén iso de amolar á xente con retos imposíbeis! Así que hoxe, domingo, toca deixarvos unha recomendación para que gocedes da A