O ovo do indulto

 


Calquera afección precisa de retroalimentación. Non se trata de facer fotos a esgalla para chegar a esa cantidade das dez ou trinta mil primeiras fotos para poder xa pensar que estás a fotar correctamente.

Trátase de divertirse, de que a interiorización e a práctica contínua dunha acción fai que o corpo che pida seguir e cada vez máis.

Por iso, unha das mellores recomendacións que se pode facer a calquera afeccionado á fotografía é fotar sempre que se atope con algo que lle chame a atención. Aínda que lle pareza que carece de relevancia, dá igual se fotográfica ou documentalmente falando.

Neste caso, logo de mercar unha caixa de ovos, decateime de que un viña acompañado dunha pruma pegada e cando o collín para limpalo, descubrín unha mancha que no momento evocoume a unha marca nunha faciana. O resto veu dado. 

Pinteille un rostro e coloqueino sobre un soporte que desde unha perspectiva frontal asemellaban un par de pés. Coloqueino nun estudo improvisado con planchas brancas e fotei. Logo con Adobe Photoshop Mobile retireille a liña de horizonte e púxenlle as manchas de cor. Supoño que a estética levoume por uns momentos á miña louca mocidade punk

Moitas veces vemos á mocidade coma pasada de voltas e comparámola connosco. Debemos ter en conta que nós non nos imos ver cos mesmos ollos cos que observamos ás novas xeracións. Pero estou seguro que tampouco eramos tan distintos; ou polo menos, dentro das diferencias, todes fomos culpábeis do mesmo ca excusa do divertimento. Sobre todo co ocio nocturno, pola noite todes cambiamos.

Así que serva esta tontada de foto para indultar á mocidade, tratar de non ser os vellos carcamais nos que ás veces convertémonos e sentir maior empatía cas nosas crianzas que posibelmente causen menos problemas cos que nós mesmos causábamos aos nosos parentes.

Volvendo á fotografía, lembra sempre que a procura da foto perfecta pode facer que deixes de divertirte e de gozar... deixate levar e esquécete do que os demais poidan opinar das túas fotos.

Comentarios