O Lampai máis boreal


Comezamos a fin de semana pasada cos ceos nocturnos adobiados por cores que non adoitamos ollar nas nosas latitudes.

Sendas tormentas solares de magnitudes G5 e G4 respectivamente, deixaron ver auroras boreais a latitudes máis baixas do acostumado. Había alo menos dúas décadas que isto non acontecía e este nivel.

As auroras boreais son tormentas electromagnéticas que ademais de fermosas producen tamén varios danos, coma varios apagóns arredor das cinco da madrugada do sábado, deixando tamén algunha ca outra avaría informática... perigosa beleza natural!

Pero non nos enganemos. Moitas das imaxes cas que nos bombardearon foron máis falsas ca feitas de encarga, coma ésta que compartín o martes en redes sociais, feita en cuestión de segundos coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile.

Moitas publicacións de viaxes e científicas; de gran tirada, recoñecemento e prestixio mundial, están a publicar nas súas páxinas imaxes que os fotógrafos argallan desde o seu propio fogar, teletraballando, adicándolle máis tempo ca min, pero obtendo por elo resultados moito máis traballados, espectaculares e realistas. Cunha resolución e detalles que practicamente non teñen límite.

Con tan so poñer a frase "aurora boreal de cor maxenta" a IA devolveume varias imaxes das que escollín a seguinte:

A escolla non foi por casualidade. Realmente quería enganar ao público cunha falsa pero existente localización onde quen a puidera coñecer non chegase a pensar que lle estaba a tomar o pelo. 

Logo só tiña que coller a app de Google Fotos e editar elexindo o 'preset' chamado After Glow para obter o ceo azul e dotala de naturalidade. Por último, un recorte con proporcións 4:3 que é o que usan as cámaras dos teléfonos móbiles por defecto.

Xa vedes o sinxelo que é obter unha imaxe co que enganar ao público. Un exemplo do que se pode facer en cuestión de segundos. Onde non enganei foi en que a foto a fixera co teléfono móbil porque o proceso foi todo desde ese dispositivo.

En realidade, eu estaba traballando os días de auroras e non puiden sequera gozar das vistas cos meus ollos. Pero cheguei ver aberracións fotográficas que xuntaban colorincheadas vías lácteas coa rosada aurora boreal. Eu diría que o noventa e nove por cento das imaxes non distan do que eu publiquei. De feito, a IA apoiase nas imaxes que atopa na Internet e unhas alimentan ás outras.

Para rematar a reflexión direi que se tecnicamente son quen de facer este tipo de paisaxadas colorincheadas nocturnas, non lles teño moito respecto fotograficamente falando, e menos se nos guiamos polo artístico.

Veredes, quenes máis medo lle teñen á IA son precisamente quenes máis a usan. O ultraprocesado que fan os fotógrafos de paisaxe coa finalidade de impactar, fixo que se traballase nunha mellora de ferramentas informáticas nese sentido. O que nos impacta é aquelo que non adoitamos a ver dun xeito natural. As IA ofrécennos moitos atallos e afórrannos moitas horas de traballo e esforzo. Mais eu non lle teño medo. Non temerei nunca a IA porque pode que faga que impacten as imaxes urbanas por cambios de cores, por eliminacións de distracións, etc.; pero unha IA non vai nunca entender e sentir as rúas como as sentimos os fotógrafos que as retratamos. Por iso sei que na miña disciplina, as IAs poderán facer viral unha foto, pero non respirarei a rúa se esa foto a ten modificada artificialmente. Por iso eu en particular, non teño medo do que poida aportar a Intelixencia Artificial.

PD.: Esta aclaración non a publicarei en redes sociais, que coñezas a verdade é un premio ás túas ansias de navegar polos sitios dos autores e valorar o traballo dos mesmos. 

Comentarios