Arame de espino no SERGAS
A Sanidade Pública é o servizo máis importante dun sistema de benestar. A calidade de vida, e nótase na media de idade da poboación, ven ditada pola saúde dos individuos.
Nas derradeiras décadas, o noso sistema sanitario foi vulnerado con saña e cada ano perdemos servizos dun xeito tan notábel coma paradoxal.
Resúltame totalmente incomprensíbel o feito de pagar cirurxías e probas diagnósticas a centros privados co custo que deben ter e que igual a nivel individual pode parecer que ven sendo menor que renovar o equipamento e aumentar o persoal dos hospitais públicos, pero se sumamos o gasto de todos os pacientes derivados, penso que é todo o contrario con creces. Igual as amizades dos políticos non enchían o peto, pero os cidadáns gañariamos en servizos.
Os EUA adoitan poñerse coma exemplo cando falamos do cambio dun sistema sanitario público a privado. O que recauda a Seguridade Social no noso país en ningún caso paga un seguro privado completo e teñamos en conta que nin sequera no "país das oportunidades" as persoas con problemas económicos teñen a oportunidade de ter unha vida e sanidade digna. Os "amantes da privatización" (que de non ser de clase alta; sinceramente, parécenme parvos), sempre aluden á diferenza de impostos entre as dúas nazóns. Tamén falan de salarios moito máis elevados. Pois ben, todo é matizábel. Por un lado, o dos salarios débense referir a quenes teñen sorte, os menos, por suposto. En canto a impostos; que non hai tanta diferenza, máis ben é anecdótica, hai que ter en conta que nunha sociedade tan hiper capitalista coma a norteamericana, onde cada cidadán debe pagar os servizos que consumen, os impostos non poden ser tan elevados porque as cargas do goberno tamén son moitas menos.
Estás seguro que prefires que che retiren a cotización á Seguridade Social para poder investila nun seguro privado? Pois eu diríache que o pensases ben, pois de dárse o caso; en primeiro lugar, os seguros cambiarían as tarifas. Ten en conta que hoxe a propia sanidade pública funciona coma competencia e teñen que engatusar dalgún xeito ao "cliente" con prezos máis competitivos. En canto exterminemos a súa competencia, os prezos van subir considerabelmente e repito, non terás cobertura total en ningún caso. Por outra banda, os seguros para a xente nova, obviamente non arriscan tanto e por iso parecen ser incluso asequibles. Calquera que teña seguro médico privado quixera velo eu pagando a mesma mensualidade cando cheguen aos sesenta.
Soará algo bruto e inhumano, pero non podemos entender un seguro se o vemos doutro xeito. Cando un asegurado chega a certa idade e as doenzas comezan a "molestar" e causarlles gastos, preferirán en todo caso que o cliente "cause baixa" máis cedo que tarde. Aínda que sexa ficción, e tamén un cine algo extremo, unha das cousas que máis me gustou da saga "Saw" (James Wan & Leigh Whannell, 2004-2023), en en concreto "Saw X" (2023) foi o motivo polo que Jigsaw procura vinganza, todo un exemplo do que estou a falar e que me pareceu do máis realista e significativo de toda a colección.
Esta foto que tirei xa no 2021, na que amoso un helicóptero do 061 prisioneiro tras un arame de espino, pareceume unha boa metáfora para ilustrar esta opinión. Porque estamos presos das circunstancias. Os gobernos autonómicos que son quenes rexen sobre os orzamentos en sanidade pública, xogan co cidadán poñéndoo a proba dándolle a elexir entre agardar anos sen garantas de ser atendido no sistema público ou ser derivado ao privado en poucos meses. A cousa, tratándose de saúde, non ten discusión para ninguén. Non podemos pedir que a nivel particular rexeitemos a oferta de ir polo privado. Certas doenzas igual poden agardar, pero outras son vitais. Aos gobernantes, esa decisión e "inclinación" tramposa en favor da atención no privado failles un xogo que moito lles convén en prol da privatización.
Así que debemos loitar polo equipamento tanto material coma persoal dos nosos hospitais públicos, a redución das listaxes de agarda tanto na atención primaria coma na de especialidades e volver a recuperar a Sanidade Pública tal e coma a lembramos... o tema é ese... a lembranza... porque os máis novos nacen afeitos aos novos sistemas e os que van morrendo parecen non importar, todo o que ven de vello parece malo, decadente, e non é así. Hai moitas cousas que cambiar dos vellos tempos, pero outras non; e parece que no primeiro no que esta sociedade insiste en derrubar é precisamente o mellor que tiñamos.
O sistema sanitario público está en perigo de extinción, sendo totalmente falso que sexa por problemas de sostenibilidade. Hoxe estamos a gastar os cartos que pertencen aos hospitais e ambulatorios públicos (persoal e material) nas clínicas privadas.
Que quede ben claro que a pesar do estado actual, os nosos sanitarios merecen o maior dos respectos pola súa implicación, amabilidade, bo facer e resiliencia. Nada que dicir en contra dos profesionais da sanidade deste país.
Desde aquí os meus parabéns un e máis sincero agradecemento.
Comentarios
Publicar un comentario
Déjame aquí tu comentario.