Medio século de xaquecas

Imaxe creada coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile

Antes de comezar, aclarar que non son médico nin nada polo estilo... simplemente son un doente tratando de explicar coma é que se sinte cando lle din que "unha dor de cabeza non é para tanto".

A xaqueca é unha das doenzas que máis absentismo laboral causa na meirande parte do mundo occidental. Non se sabe que é o que a produce nin tampouco se coñece apenas acerca dela. Pero a pesar delo, os avances en medicina axudan aos pacientes a tratar de levar unha vida máis ou menos normal.

Sempre denostada, a pesares do elevado número de doentes que temos arredor padecéndoa, o resto da xente non chega a comprender o nivel de dor que pode chegar a alcanzar nin o incapacitante que pode ser. Por iso, sen ser ningunha enfermidade das denominadas raras, senón que máis ben é bastante frecuente, é unha das máis incomprendidas. Mesmo hai nada, vendo a película de animación "Mars Express" (Jérémie Périn, 2023) falaban de "lixeiras xaquecas" referíndose a un efecto secundario que non vou desentramar aquí por non facer 'spoiler' dalgo que non ven a conto. Pero eu pregúntome... seica existen as "lixeiras xaquecas"? Porque eu levo medio século sen coñecer tal cousa!

Imaxe creada coa IA xenerativa de Copilot

A xaqueca pode dárse de moitos tipos. Un das máis comúns e dolorosas son as tensionais que parece que se producen tras unha exposición do paciente a unha situación de estrés ou nervios. Pero ademais, tamén poden dárse cos cambios de presión atmosféricas ou baixo certas temperaturas. A meirande parte de doentes que levo coñecido, concordan en que o frío mingua a sintomatoloxía e incluso úsase para aliviar a dor.

Pero non só se produce dor na cabeza cando aparece unha xaqueca. Pode afectar tamén á mandíbula, chegando a producir necroses nas raíces das pezas obrigando á práctica de endodoncias; a intensidade da dor fai que en moitas ocasións o paciente acuda á clínica dental para facer revisión e levar a sorpresa de que todo está ben e no seu sitio. No meu caso persoal, non se detectou a necrose até hai apenas unha década, e non nunha soa peza... pasei facendo endodoncias, unha tras outra, semana tras semana. Supoño que ten moito que ver coas terminacións nerviosas.

Mentres o doente sofre de xaqueca, adoita sentir coma que está nun proceso febril, pero o termómetro marcará sempre unha temperatura normal. Son cousas que non se explican entroutras sobre esta doenza e por iso xa non é a primeira vez que algún radiofonista dos alucinantes mundos misteriosos aseguran que a xaqueca "é algo psicolóxico". Isto escoiteino nun programa con moitísima audiencia chamado 'La Rosa de los Vientos', e non sei de onde sacaron esa teoría... pero bon... seguro que coma outras. O malo é que seguramente foron escoitados por milleiros de oíntes en todo o mundo, amosando unha falta de respecto empatía brutal cara millóns de afectados pola doenza. Pero claro... non se fan responsábeis do que opinen os convidados. Eu tampouco!

Imaxe creada coa IA xenerativa de Copilot

Pero tamén podemos dar con xaquecas estomacais, que producen nauseas e incluso vómitos e diarreas. Este tipo de xaqueca adoita confundirse con gastroenterites e por mor das agardas que existen na atención primaria, cando se pode por fin acudir a un médico, non detectan nada anormal e entón achácase a calquera virus ou incluso a un alimento en mal estado.

Estamos pois, ante un problema de saúde máis molesto do que puidera parecer. É unha das doenzas menos diagnosticadas porque moita xente que as padece, non acude por elo ata que convértense nalgo moi recurrente e aínda con esas, son os menos os que rematan derivados ao neurólogo que é o médico especialista que debería estudar cada caso en particular. Por que non se deriva ao paciente? Supoño que é un problema tan estatístico coma orzamentario. Entendo que sendo unha doenza con tanto paciente, se de cada un tiveran que mandalo ao neurólogo, tendo en conta que a día de hoxe o tempo de agarda para ser atendido está entre un a dous anos, a atención daquela sería imposíbel. Polo tanto, só os casos máis complexos rematan sendo tratados por un médico que realmente coñece un pouco de que vai o tema.

Imaxe creada coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile


As mulleres tamén o teñen realmente complicado por temas puramente biolóxicos. Ven sendo común padecer dores abdominais e de cabeza durante o proceso de menstruación. A meirande parte delas non chegan a diferenciar a xaqueca das dores menstruais e tardan moitos anos en decatarse de que ademais dunhas dores, son vítimas das outras tamén. Cando recurren ao médico de familia, é difícil que as manden a neuroloxía e limítanse a ir recetando pílulas e outras solucións co sistema científico do proba-erro. O máis normal é que lles receiten unha medicación e cando volven porque non lles fai gran cousa, cambien e "proben" con outra a ver que tal. Pero, por que hai medicación que non funciona? Polo dito; haiche moito tipo de xaqueca. A entrevista cun neurólogo é moito máis efectiva e posibelmente non precise máis ca unha ou dúas sesións para determiñar cal é o medicamento que máis se axusta a cada paciente.

Con todo, no medio século que levo padecendo de xaquecas, e cun diagnóstico oficial  do neurólogo dende hai menos da metade, debo dicir que moito se avanzou. Cando era neno, os médicos non tiñan a menor idea do que ía o conto e o normal é que che deran paracetamol a esgalla, provocando a cronicidade da enfermidade porque para eles era unha sinxela dor de cabeza. 

Imaxe creada coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile

Haiche moitas lendas ao respecto. Lembro que dicían que seica cando cumprira os corenta remitían. Porén, case diría que no meu caso foron a máis e con bastantes novidades. De feito, tiven que solicitar nova revisión co neurólogo porque outra das cousas que non comentei aínda pero que adóitase facer é dárlle alta ao doente en canto unha das medicacións parece funcionar. O seguemento remata daquela. O resto da vida do afectado será un sen vivir loitando co pouco que ten cada vez que lle ataca unha crise.

Coma doente, vou aprendendo pouco a pouco sobre como afecta ao meu corpo e nunca paro de descubrir unha cousa máis. Recentemente, entendín que hai días nas que a miña presbicia parece acentuarse e cóstame moito máis gozar da lectura. Supoño que isto acontéceme desde hai anos, pero cando dá a casualidade de que estás a ler un libro coa tipografía máis miúda, é cando todo comeza cadrar xa que de ser un problema visual, non se debería recuperar. Con todo, non sería a primeira vez que penso en acudir á consulta do oftalmólogo mentres a visión non volve ser clara.

O que tamén parece ser común a moitos tipos de xaqueca é a sensibilización ao ruído, á luz forte e á calor. Meterse nun lugar fresco, silencioso e escuro; ou incluso usar algún pano xeado ou semellante (o clásico topicazo é a bolsa de chícharos conxeados, mais hoxe xa hai xeles que fan esa función).

Imaxe creada coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile

A xaqueca é tan incapacitante que teño deixado moitos estudos e non me adico ao que quería por mor de que é imposíbel que poida estudar varias horas sen reventar da cabeza. Ademais, acontece que cando teño unha crise, esquézome do que levo estudado. De feito, haiche moitas cousas que non dou lembrado e por iso, día a día sego a procurar información daquelas cousas que me gustan, coma do mundo fotográfico. Pero non é o mesmo cando non hai presión de exames nin avaliacións.

Porén; cando novo, non esquezo o mal que o pasaba en tempos de exames e a pesar de ser iso que chamaban "un bo estudante", malia o gran esforzo que tiña que facer, o peor viña logo dos exames onde ao relaxar o tema a crise aparecía e quería morrer. Cando na seguinte avaliación retomábamos algún tema, decatábame de que moito do que estudara e que aprobara con tan boa nota, desaparecera coma por arte de maxia dos meus coñecementos. Así que non podería facer carreira nalgo con estudos continuos coma a medicina ou a informática, por exemplo. Tampouco no mundo da historia que tanto me gusta porque o tema das datacións non se ía levar ben ca miña cabeza.


E podería seguir falando moito máis sobre o que se sinte cando se sofre unha crise de xaqueca pero coido que isto xa é moi longo para unha publicación retroiluminada e ler moito a través de pantallas, produce tamén xaqueca. Iso é o máis paradoxal de hoxe nesta bitácora.

A primeira vez que describín a dor dunha das miñas xaquecas dixen que era "coma se me cravasen unha agulla de facer calceta e a remexeran dentro dos meus miolos".

Agardo que desde hoxe, sintas máis empatía por aquel que che diga que está a pasar por unha xaqueca. Pois non é unha dor de cabeza coma outra calquera... 
 

Comentarios