Recuperando panos de Muxía


Hoxe recupero unhas panorámicas que atopei no meu arquivo tiradas cunha cámara compacta que hoxe ninguén querería usar xa que levamos cámaras nos móbiles que cumpren con esa función. Estas panorámicas foron tiradas a pulso e aquela cámara nin sequera me permitía unha saída de arquivo en negativo dixital, directamente dábame un arquivo rematado en formato JPG con poucas posibilidades de procesado.

A particularidade é que xa daquela non usaba trípode, a cámara indicábame cunha superposición onde debía encadrar a seguinte imaxe e cando a tiña, obturaba. Ía obturando ata rematar a panorámica que a propia cámara cosía e entregaba totalmente rematada.

Con todo, aproveitando as novas tecnoloxías e intelixencias artificiais que procesan danando o menos posíbel a imaxe, puiden dárlle unha nova vida. Iso si! onde as luces estaban queimadas podería optar por sustituír o ceo máis vai en contra da miña relixión e coma todos sabedes, son fotos que tampouco me importan demasiado pois non son paisaxista.

Unha das curiosidades desta última imaxe é que esa capela, anos máis tarde, sofreu por mor dunha forte tormenta eléctrica un grave incendio que case a deixou totalmente destruída. Foi a nosa particular Cathédrale Notre-Dame galega.

Comentarios