Volver a ser crianzas

 


No seu día estas meniñas xogaban con cañóns e decateime de que a sombra proxectada contra as paredes asemellaba un xigante. Oxalá os cañóns non se usaran xamais para outra cousa que xogar e imaxinar contos de fadas. Gustaríame que de armas non soubéramos máis que daquelas que quedaron nos museos gardadas de tempos pasados; inutilizadas, fóra de servizo. Oxalá, os inimigos fosen sempre imaxinarios e  non o produto da envexa e da ambición territorial humana...

... Oxalá poidéramos volver a ser crianzas e o noso pensamento se tornase algo máis naif... estamos a perder a inocencia...

Anímaste a recuperala?


Bon... pois toca volver recuperar esta foto de hai xa ben de anos e que usei nunha análise persoal sobre a lexislación española aplicada á fotografía urbana, pero que desta volta traiocha para comentar un tema que hoxe amólame moito e penso prolifera de máis, tanto na poboación civil coma nalgúns políticos.

"Non sobra a inmigración, o que sobran son os intolerantes españois e moi españois"

A inmigración é necesaria, tanto para o país de orixe coma para o receptor e; ademais, enriquece moitísimo tanto cultural coma bioloxicamente se pretendéramos centrar o foco simplemente na evolución humana coma especie.

Porén, cando que se me pregunta acerca da miña tolerancia, eu sempre respondo o mesmo: non son de todo tolerante. Son intolerante ca intolerancia. Porque a intolerancia non se pode tolerar xamais xa que logo, cando os intolerantes adquiren poder, pasa o que pasa e non hai freo posíbel sen derramar sangue inocente. Estámolo vendo hoxe en moitas zonas do mundo, onde por desgraza, "cambia de tema que pronto esquecerán" é unha máxima xornalística. Imos renovando as noticias nos medios de comunicación e en nadiña esquecemos que a poucos milleiros de quilómetros estanse a tinguir as rúas con sangue inocente de meniñes e adultes tamén.

Recentemente, chegoume dun ser relativamente cercano a min unha publicación onde o populismo fala con total liberdade de prensa e baixo ese paraugas tan amplo da liberdade de expresión dunha historia totalmente falsa e digna só dunha retorcida mente sementadora de odio xenófobo, que viña a dicir basicamente que aos inmigrantes dámoslle todo, sen máis: transporte, vivenda, sanidade, educación, traballo... etc... e que todo elo sen ter que cotizar nin un só peso na súa vida.

Pois ben, eu convido a quen pense deste xeito, a permitirse unha viaxe por calquera país magrebí (por poñer un exemplo), e unha vez alí rachar cos documentos que o identifiquen coma español, coller un caiúco e cruzar o Mediterráneo ou parte do Atlántico para probar sorte ao chegar á costa española. Unha vez aquí (se chega) terá incluso mellores facilidades cos "aproveitados" inmigrantes, pois comprenderá o idioma sen problema, falará co noso acento, terá o noso aspecto e non lle costará pasar desapercibido sen sofrer o racismo destrutivo de xente que é coma el mesmo. E xa está! a vivir do conto! Que problema vai ter? Ánimo, valente!


Oferta laboral para inmigrantes

Xa me gustaría a min ter a preparación que teñen moitos inmigrantes que chegan ao "noso" país! Tanto física coma académica e intelectualmente falando. Moitos deles chegan con carreiras rematadas no seu país e tamén falando varios idiomas. Algo do que carecen moitos españois moi españois. 

Saen dun país normalmente carente de bos servizos e oportunidades, ou que están no medio dun conflito onde as súas vidas corren perigo. Veñen dalí onde non parece existir un futuro proveitoso soñando con que na Europa atoparán aquelo polo que paga a pena vivir. Así que adquiren coñecementos (cousa nada doada nas súas condicións) e arriscan a vida para chegar a un mundo onde primeiramente ninguén lles vai convalidar os seus estudos académicos perdendo gran parte do seu esforzo en orixe e ademais, sofrerán o rexeitamento por razón de estúpidos sentimentos patrióticos e nacionalistas de grupúsculos cada vez máis fortes e amplos que non verán neles máis ca especies invasoras, en lugar de valoralos e saber aproveitar o seu potencial para facer medrar ao país receptor.

Os máis deles, terán que traballar onde os españois moi españois non son capaces de arrimar o lombo, deixando pel e sangue polo camiño e por catro pesos de merda. Por suposto, sen seguro nin contrato. Os patróns usarán o seu estado de "ilegais" para abusar tanto física coma psicoloxicamente deles e aproveitarse ata que deixen de serlles de utilidade. Recentemente, un destes temporeiros morreu asasinado en Italia ao perder un brazo nunha máquina e o seu patrón non tivo máis idea que levalo fronte a porta da súa casa, deixalo alí tirado, e deixar o brazo dentro dunha caixa de froita ao carón dun contedor de lixo. O inmigrante foi atopado moribundo, levado ao hospital, pero non puideron facer nada por el. O seu soño foi literalmente cercenado por unha mentalidade escravista alimentada por un goberno populista e ultra. Neste caso en particular, o patrón defendeuse ante a Xustiza alegando "que os traballadores tiñan prohibido achegarse ás máquinas e que para colmo o inmigrante estropeou unha maquinaria moi valiosa e necesaria para a continuidade do negocio e puido poñer en perigo a vida doutros traballadores". Teremos que agardar a ver como remata xudicialmente a historia aínda que intúo que o patrón non pagará o que merece. É isto o que ti queres para a túa nazón?

Algún dirá que iso non foi en España... ben, estou dacordo... iso foi un suceso que saltou aos medios dentro dun submundo no que o normal é agochar ese tipo de "accidentes laborais". Estou seguro de que non é un caso illado e de certo, gustaríame pensar que os casos que poidan dárse non rematan de xeito tan tráxico, porque aquí tamén abundan.

O inmigrante non cotiza

Afastándonos un pouco deses campos de xornaleiros onde a cotización e os contratos, os seguros e todo ese tipo de cousas que se lle presupón a calquera choio, xa sabemos todes coma vai... pensemos noutro tipo de oferta na que adoitamos buscar traballadores na inmigración: o servizo doméstico.

Non hai moito tempo que os contratos de servizo doméstico teñen a obriga de cotizar, e durante moito tempo foi incluso voluntario. Esa cotización comezou a dárlles dereito a unha sanidade pública, pero non ao subsidio por desemprego. Polo tanto, ou traballaban ou quedaban na rúa co posto e aforrado.

Hoxe xa tamén teñen dereito ao paro, pero isto foi en parte grazas ás políticas laboralistas de grupos dunha esquerda máis extremista; si, eses que tanto perigo e sentimento antipatriótico lles produce a certos españois moi españois. E supoñen perigo porque o español moi español goza con ter persoal a quen tratar coma escravo e poder ameazar cando esixe facer algo que non é moi digno; algo ao que un español moi español nunca se rebaixaría a facer. Ese tipo de xente detéctase ben cando falan de "mi chacha" ou "mi criada/o". Por iso, os partidos que escoran a políticas de dereitas buscan dar marcha atrás neste tipo de progreso e prefiren que os inmigrantes non coticen en parte tamén para poder seguir tendo o seu absurdo argumento ao que botar man cando lles pete.

Cando comezaron a cambiarse as leis para acadar que o servizo doméstico cotizase; moitos, incluso os mesmos políticos que promovían o avance, aproveitáronse da non obrigatoriedade para ter na casa xente sen contrato e sen cotizar. Iso de predicar co exemplo tampouco é virtude dos políticos máis escorados á esquerda... será que os extremos, obviamente, non son moi bos. Pero ollo! tendo un gran peso no punto situado máis á dereita da balanza, os da ultra esquerda compensan (e viceversa). Tamén destaco unha cousa importante, sexa populismo ou non (que tamén o é) os que están máis cara a esquerda promoven políticas que parecen avanzar moito máis en dereitos humanos mentres que os opostos tratan de retroceder. Para min iso supón unha boa diferenza á hora de valoralos máis ou menos afíns coa miña ética. 

Pois coma dicía... ata a obrigatoriedade recente en temas de cotización, o inmigrante non tiña a posibilidade de facelo. Podemos atopar inmigrantes que levan décadas traballando en España de xeito legal e con contrato, e levan cotizado apenas uns poucos aniños; o que por desgraza, vailles afectar tamén na súa pensión de xubilación cando lles chegue o momento... se lles chega, porque xa sabemos que para xubilar tamén houbo que cotizar certo número de anos antes de poder acceder ao dereito.

Traballaría un español moi español rompendo o lombo por catro cans e sen contrato ou con contrato sen dereito á cotización?

Fíxate como é o conto que seguramente, moitos seguen a ter que quitarse do soldo non só a parte da cotización que lle corresponde senón tamén a que non. Moitos empregadores, ao saíres a lei, obrigaron a pagar do soldo ao inmigrante a parte da cotización se quería seguir a traballar... aceptarías ti algo así? 


O inmigrante delincuente

Outro recurso moi aceptado pola ultra dereita española moi española é o de que os inmigrantes veñen a delinquir. Que hoxe sobran os delincuentes.

Un inmigrante comete un delito e convértese en titular de prensa durante días... entrementres, convivimos sen problemas con tres millóns de inmigrantes que non cometen delito algún, e iso non é noticia... 

...ademais de centos de delitos cometidos por españois moi españois... que tampouco son noticia.


Xa superei o medio século de vida e non vivín contratempo algún dese tipo con inmigrantes a pesar de ir sempre con cámara de fotos e meterme por recunchos dos que non sei o que me agarda ao outro lado. Atopo inmigrantes e ningún me deu problemas. Non podo dicir o mesmo dos españois. Seica pensas que o inmigrante inventou a delincuencia? Claro, se é español vasme dicir que temos que aguantalos porque "son dos nosos". Pois ese é un comentario que se o pensaches mentres me lías, delátache coma racista, se cando remates de lerme segues a pensar o mesmo confirmarás o teu estatus de racista; no caso contrario, aínda estarás a tempo de converterte en persoa.

A ver se aprendemos dunha vez que o de xogarse a vida nun caiúco non forma parte da mentalidade dun delincuente; pero si a do que organiza a viaxe e aproveitase dos aforros da vítima.

Confundimos mafiosos que viaxan en primeira clase con inmigrantes que veñen en caiúco, o que restará oportunidades aos humildes que por pura supervivencia poderían ser enganados polos mafiosos e captados para cometer os delitos. Pero non hai que ser inmigrante para caer nesas redes, un español cuxa orixe fose algo complexa, tamén cae doadamente no mesmo erro. Eles son os que pagarán polos outros. Loitemos contra o delito, cometa quen o cometa; sen prexuízos, e tendo en conta; por suposto (nunca quixen dicir o contrario), que por terra e aire tamén chega xente boa, non me descontextualices aos "mafiosos"; viaxan inmigrantes por todos os medios de transporte que non pertencen a ningunha banda criminal.

O delincuente non vai ser inmigrante. O delincuente ven convidado polos españois que traballan en mafias con contactos no estranxeiro e eses son os que veñen viaxando en primeira clase e coa educación dun rapaz de quinto de primaria. Logo chegan, e sen máis preparación que o bon uso da violencia e das armas, conducen vehículos de alta gama e por elo chámannos tanto a atención. Pero eles non son inmigrantes e moito menos ilegais. Eles son os empregados VIP das distintas bandas criminais que operan entre continentes e que ao mesmo tempo, non presumen tampouco de ser moi tolerantes coa propia inmigración. 

A Armada contra os caiúcos

E aquí ven xa a nai do absurdo... en lugar de defendermos contra os que veñen a dominar o mercado da delincuencia en primeira clase, algún energúmeno que cobra milleiros de euros dos nosos impostos, en lugar de agradecer ao pobo o elevado soldo e usar os cartos coma debe: coa cabeciña; solta verdadeiras barbaridades, animaladas sen parangón. Seica temos que mobilizar á Armada e situala fronte ás costas sospeitosas de ser orixe das embarcacións.

A ver, señor Tellado... a casa constrúese polos cimentos... e os cimentos poden ser a educación que a vostede se lle presupón. Eu a señores coma Alvise Pérez ou Santiago Abascal non lle apostaría tal educación, pero no seu caso xa vexo que xulguei antes de tempo; pois tampouco tivo a sorte de gozar de bos referentes.

Só lle vou dicir unha cousa para que reflexione e; se pode, se lle chegase a sobrevivir algunha neurona nese cerebro afectado que ten aí dentro do cránio... pronunciarse ao respecto para poderme volver a recuperarlle unha pizquiña de respecto. Porque como xa dixen: Son totalmente intolerante ca intolerancia.

En serio, señor Tellado, imaxina que a Armada forme os seus buques de guerra contra unhas lanchiñas cargadas de xente humilde pero máis preparada intelectualmente ca vostede e sen dúbida valente?... unhas barquiñas que fan augas e os propios viaxeiros teñen que achicala cas mans?... imaxina esa escena de verdade? En serio? Quixera pensar que quen lle escribe os discursos, estase a bulrar de vostede.

Xa lle digo eu que máis barato e efectivo sairá axudalos e reubicalos. Certo que para algúns puntos pode ser unha carga importante, pero para iso está todo este gran territorio chamado España, un gran país que ata o de agora foi moi acolledor, voluntarioso, sensíbel cos problemas humanitarios, solidario... e ata onde eu sei, pasando unhas cantas crises, aquí estamos, señor Tellado, nun dos mellores países do mundo que existen para vivir en sociedade, cuns servizos e dereitos que envexa a meirande parte do mundo e onde vostede só tivo a sorte de nacer. Parece totalmente normal e comprensíbel que á hora de emigrar, sexa cal sexa o país de orixe, pensen en nós. Iso significa que algo estaremos a facer ben. 

Pero nos últimos tempos, algo debe estar cambiando nese bon facer cando os países do norte de Europa notan certo cambio de tendencia migratoria, sentindo maior carga de acollida, xa que estamos a deixar se ser a terra máis soñada.

Porque cando as cousas funcionan ben nun país, todo o mundo quere participar delo. 


Fomos emigrantes e podemos volver a selo

Paréceme mintira ter que vir con contos deste tipo hoxe, en pleno século XXI. Nunca pensei que viviría para ver tal cousa. Pero agora mesmo penso que todo é posíbel. Guerras ás portas, os acólitos de Hitler chegando ao poder e visibilizándose coma se fosen xente normal. Xa nin vergoña senten de poñerlle símbolos nazis a unha marca de café no seu logotipo. Que foi o que pasou para chegarmos a isto?

Nós tivemos que emigrar. Moitos pensan que non é polo mesmo motivo e si, foi polo mesmiño. A represión, a economía, etc. Buscamos un mundo mellor e moitos fixeron a vida en lonxanos países que os acolleron; países dos que proveñen aqueles que agora queremos expulsar ou frear. Un triste xeito de agradecer.

Pero hoxe tamén debemos ter en conta o cambio climático acelerado polo xeito de vida industrializado e comercial dos países con maior desenvolvemento; é dicir, nós.

Convertemos os países dos inmigrantes en áridos fornos, en estercoleiros tecnolóxicos, en montañas de tecido barato da roupa que mercamos hai nada e que desbotamos noviña de todo. Facemos que eses lugares sexan practicamente inhabitábeis e agora non queremos que saian dalí. Que queremos entón? Que morran? Iso queremos? Iso ten un nome e non ten que ver coa inmigración nin legal, nin ilegal. Iso chámase xenocidio.

Nin o mundo é teu, nin este país é dos españois moi españois. Tiveches a sorte de nacer aquí, sen máis. Pero non és o dono do país. Non tes dereito a decidir quen pode ter ou quen non, dereito a vivir aquí. España foi de sempre un país acolledor e solidario e moitos queremos que o sega sendo. Os delitos, páganse, pero o que é delito decídese nos Xulgados, non prexulgando. 


A inmigración, tanto a legal coma a ilegal, é necesaria para calquera país deste mundo. A diversidade só trae riqueza, só nos pode facer mellores. 

Comentarios