Vivir en comunidade


As bitonais son se callar o límite do meu retoque dixital aceptábel dentro da miña ética. Tendo a procurar expoñer en días grises ou moi claros pero sempre cunha luz que me permita contrastar ben as siluetas.

Só un destes michos é real. O que podemos dicir que rompe un pouco a bitonalidade extrema na contorna, cunha maior gama de grises. Con todo, esta bidimensionalidade que presentan as bitonais extremas tamén a rompe grazas a esa ambigüidade, amosando certa profundidade e deixándonos separalo do fondo para recoñecelo coma o suxeito en primeiro plano.

Pois o micho en primeiro plano é o único real. Os outros dous son siluetas desas que se pegan nos cristais das fiestras. De feito aparecen algo desgastadas, cousa que cun retoque dixital podería ter correxido con facilidade e conseguir unha trampullada máis efectiva. Pero non era a miña intención que o espectador dubidara na irrealidade dos dous michiños que pasan por diante do meu benquerido Fado.

Todos precisamos vivir en comunidade, e ás veces sinto envexa dos meus compañeiros de catro patas que non xulgan ao resto de seres por cuestión de sexo, raza ou relixión.

Comentarios