A lexislación española aplicada á fotografía urbana

Debemos coñecer a lei para poder fotografar con tranquilidade.

 

Un dos nosos medos cando saímos á rúa a captar intres que implican a xente que non coñecemos e que nos poidan parecer máis ou menos íntimos, é entender se podemos estar a infrinxir algunha lei.

"Son coma un vaqueiro cunha bala e non cunha ametralladora na procura dese instante decisivo." (Fan Ho)

Esta frase non represente aquelo que eu mesmo sinto, porque entenco que non somos un perigo e non imos nin con balas nin con pistolas e; moito menos, ametralladoras.

Porén, paréceme ideal comezar así esta publicación porque pode ser dese modo tan ameazador coma nos vexan e interpreten cando os nosos lentes parezan estar apuntando a un suxeito. Con todo, penso que Fan Ho non pretende ir por ese lado ca súa cita, senón a fotografar pausada e controladamente, co que eu si que estou totalmente identificado, a miña cámara apenas sabe o que é unha ráfaga a pesares de ser un modelo deseñado para a acción.


Que é o que nos di a lei?

A resposta a esta pregunta é relativamente sinxela: NON podemos fotografar a ningunha persoa sen o seu consentimento e moito menos cando é descoñecedora de que a estamos a fotografar.

Dito isto, o mellor que podemos facer os fotógrafos urbanos é quedarmos na casiña.

Non se pode fotografar ás persoas sen un consentimento.

Iso pode parecer de primeiras, mais imos matizar certos puntos que aínda non vaian evitar certos incumprimentos da vixente lexislación, deberiamos telos en conta á hora de traballar con documentación gráfica. 

 


De cando é e que recolle a Lei?

A lei que regula o dereito a imaxe a ao honor é moi dura e co tempo endurécese cada vez máis.

En España segimos a rexermos por unha lexislación redactada no ano 1982 na que non se recollen os usos de novas tecnoloxías. Naqueles tempos non había aínda ninguén a expoñer con cámaras de teléfonos móbiles, por exemplo.

Todo o que che vou comentar nesta publicación fai referencia á lexislación que eu coñezo: a española. Teñamos sempre en conta que tanto no futuro coma no caso doutras zonas xeográficas, os artigos que mencione poderían variar considerabelmente.

Antes de seguir, convenche coma lector que revises a lexislación pola posibilidade de terse producido algún cambio que podería contradicir ou completar certas opinións vertidas aquí por min. Recoméndoche que accedas ao que no BOE (Boletín Oficial do Estado, do Goberno de España) publícase ao respecto. Podes facelo directamente desde aquí, onde ademais poderás atopar os textos orixinais e as súas actualizacións co paso do tempo no caso de recibilas. Nesta publicación, atoparás capturas de pantalla dos textos máis recentes no intre da súa redacción ou revisión. 


Sobre a captación de imaxes

Resumindo bastante o que di a lexislación, coma che comentaba no inicio, basicamente non poderemos tirar ningunha fotografía na que saia unha persoa sen ter un previo consentimento da mesma.

No artigo 7.5, que ven sendo o máis polémico de todos e ven sendo o que máis nos atingue ás fotógrafas e fotógrafos (tanto profesionais coma afeccionados) dísenos que o mero feito de quitar a foto infrinxe xa a lei, sen importar en absoluto se nos achamos nun espazo público ou privado.


Unha cuestión de interpretación

Ante o artigo anterior pouco poderemos facer; porén, a partires do punto oitavo ofrécesenos algo de esperanza ao falarmos de certas excepcións nunhas situacións moi particulares.

Debemos ter moi claro que no caso de chegar a enfrontarmos a unha demanda legal, todo quedará finalmente a expensas da interpretación do xuíz que instrúa o noso caso en particular, non confiemos en sentenzas anteriores, que é ao que se acollen moitos influíntes da creación de contido xerando unha falsa seguridade de ter razón sempre e en todo caso.

Neste oitavo punto cítansenos algúns supostos onde si poderiamos fotografar e; entre eles, escenas de interese histórico, cultural ou científico, ante as que poderiamos non estar infrinxindo lei ningunha e, quero insistir na palabra "poderiamos" porque coma che dicía, a derradeira palabra vaina ter o xuíz que decidise o noso futuro.


Imos estudar o que é exactamente aquelo que nos di o punto 8.2:


É a este artigo ao que se acollen os fotoxornalistas para poder desempeñar a súa labor. Se nos centramos neste artigo poderemos xa fotografar incluíndo ás persoas sempre e cando sexan cargos ou pesoeiros públicos e cando o motivo do fotografado sexa para informar ou documentar unha situación de interese xeral.


Poderemos ademais chegar a fotografar nun acto público a xente anónima sempre e cando non teñan un peso relevante na fotografía; é dicir, que non sexan os protagonistas. A isto é ao que se refire a lei no punto c) cando fala de persoas "meramente accesorias".

En resumo, o que o fotógrafo urbano debe facer é fotografía urbana e non de xente, no mesmo intre no que centremos a atención cara unha persoa a convertemos en obxecto da fotografía e deixaría de ser accesoria.


A decisión dos xuíces

Atopámonos ante unha complexa situación no caso de ter chegado á sala dun xulgado e o arbitrio pódenos levar a resultados tan sorprendentes coma pouco agardados.

Será moi difícil valorar cada caso desde un punto de vista obxectivo e xusto.

Sexamos razoábeis... se a meirande parte das persoas que tiran fotos non se preocupan pola súa formación... por que lla teriamos que esixir a un xuíz?

A persoa encargada de valorar a demanda debería ter certos coñecementos para poder chegar entender mellor os motivos que levaron a un autor a tirar a foto demandada, sobre todo no que se refire a Arte e Composición.

Para poder facer unha valoración correcta sobre unha obra fotográfica, a autoridade designada debería de ter coñecementos e cultura fotográfica; e, por suposto que habelos hainos, non quero dicir con isto que ningún xuíz posúa tales capacitacións. O que está claro é que non se trata dunha preparación esixíbel e na miña humilde opinión, iso é algo que habería que correxir. Debería existir unha especialización para este tipo de litixios igual que acontece co resto de xurisprudencias.


O consentimento expreso

Moitos fotógrafos urbanos están convencidos de que ao non existir na lexislación ningún punto que indique que o consentimento expreso teña que outorgarse tamén por escrito, coa ollada a cámara por parte do suxeito poderíase entender que existe un consentimento implícito.

Isto non é exactamente así e debemos telo moi presente. Volvemos ao punto das interpretacións e; polo xeral, das perspectivas.

Esa lixeira interpretación vaina facer aquel que quixera amarrarse a un cravo ardendo e que obterá sen lugar a dúbidas unha boa derrota se o usa coma defensa nos xulgados, non se lle poderá dar a razón.

A ollada podería ser considerada un consentimento... mais en ningún caso tería carácter vitalicio.

Este punto comprenderémolo cunha sinxela explicación. Do mesmo xeito que acontece cos temas de cesións de dereitos de imaxe cas persoas que foron retratadas voluntariamente e, aínda existindo contratos de por medio, calquera consentimento sobre o uso da imaxe dunha persoa é inmediatamente revogábel. 

Polo tanto, calquera persoa que che dera o seu consentimento poderá tamén retiralo en canto arrepinta e, ante iso, non hai nada que facer. Chegarás ao xulgado e diránche que non importa o consentimento que che tivera dado noutro momento porque resultará obvio que xa non gozas do mesmo. Por elo, e aínda que se trate doutra disciplina, aproveito para recomendarche o uso dos contratos cando fagamos retratos sen esquecer especificar mediante cláusulas o que implicaría retirar os permisos de imaxe chegado o caso; incluíndo se fose preciso, algún tipo de compensación económica. Imaxina que unha modelo che retirase o permiso unha vez posta en marcha unha campaña. Se son existise ningunha cláusula que contemplase ese suposto, teríanse que retirar as imaxes ca conseguinte perda económica que suporía, posibelmente inasumíbel.


O xeito de comportarse na rúa

Na miña opinión e coido que na da maior parte das fotógrafas e dos fotógrafos urbanos; pois deste xeito o aprendín deles, debemos ser ante todo naturais, iso si! sexamos sempre completamente conscientes de que incumprimos leis pero co convencimento de que esas leis nin están actualizadas nin van acorde aos tempos actuais.

O fotógrafo urbano non é ningún delincuente, non está a facer nada malo... dicir o contrario será sempre caer no prexuízo.

Debemos metermos ben na cabeza que non estamos a facer dano a ninguén, pero para elo, debemos antes marcarmos uns límites éticos baseados nuns mínimos de responsabilidade e; sobre todo, tratar de sentir moita EMPATÍA... así... con maiúsculas!

 


Fotografar a menores de idade

Eu teño por costume non fotografar nunca en lugares onde frecuenten menores de idade. As miñas liñas vermellas impídenme sequera aparecer cunha cámara nun parque infantil ou nunha escola, evitando así bastantes problemas e malestar entre coidadores e familiares.

Protexer aos menores de idade é unha prioridade, non existe excusa que xustifique o contrario.

Se por algún motivo topase un día cunha escena que si ou si pensase que pagase a pena ser rexistrada nunha instantánea, pediría permiso aos tutores legais do menor que aparecese no cadro.

Con todo, produciría xa de por si un efecto de coñecemento previo e perdería a esencia da fotografía urbana para entrar no que eu considero xa fotografía de retrato. Pódese practicar retrato en exteriores, non só nun estudio.

Pero no caso de ter chegado a ese extremo, non esquezas que entón o consentimento por escrito deberá ser asinado por todos e cada un dos titores legais.

En ocasións, coma é no caso da fotografía que precede estas liñas, se vexo unha fotografía interesante a aparecese a faciana dun menor, agardo anos a publicala para evitar a súa posíbel identificación.


As situacións ridículas

Non busco nunca nin xamais procurei imaxes que puideran deixar a ninguén en evidencia. A empatía cara os demais é absolutamente imprescindíbel nesta disciplina.

Cando tiro fotos na rúa estoume a retratar a min mesmo.

A máxima a seguir é ben sinxela e coñecida por todes: Non lle quites fotos aos demais que non che tivesen gustado que che quitaran a ti.

Por desgraza, esta filosofía non é tida en conta por algúns persoaxes que desexan con ansias obter un maior número de "gústame" nas redes sociais no menor tempo posíbel e non dubidan precisamente en buscar todo o contrario: dar co ridículo amosando situacións comprometidas ou en lugares onde as persoas son moito máis vulnerábeis e amósanse dun xeito distinto ao cotiá e; moitas veces, de xeito moi distendido pola confianza na contorna (praias e piscinas, por exemplo, onde ademais preséntanse con menos roupa).

Este tipo de fotógrafos son os que dan mala sona ao resto e producen na sociedade ese efecto de rexeitamento facendo que os transeúntes se poñan á defensiva cando alguén se achega unha cámara ao ollo.


Cando che descubren fotografando

Se te pillasen tirando unha foto volvemos ao mesmo de sempre: actúa con naturalidade.

O que nunca falla é o sorriso, non perdas a túa cara amábel ante ningunha situación ou palabras que te poidas atopar. Ten sempre en conta que a persoa puido sentir que invadiches a súa intimidade e as súas primeiras reaccións poderían ser máis bruscas do que ela mesma quixera.

Estivemos durante moito tempo convivindo cunha pandemia que nos obrigou a levar máscaras e poderiamos chegar a crear que o sorriso é máis difícil de amosar neste tipo de situacións. Pero con todo, as persoas temos unha extraordinaria facilidade para sentir, intuír e interpretar os máis mínimos xestos da faciana. Os ollos; por exemplo, falarán da túa actitude. O teu sorriso será capaz de traspasar incluso aquelo que non conseguiu un virus tan dañino coma o que nos tocou vivir.

Se cando tiras fotos na rúa o fas dun xeito amábel e tranquilo, é probábel que ninguén se te achegue. Polo contrario, se perdes os nervos e actúas coma se tiveses feito algo malo, vante interrogar e farano coa mesma actitude e desconfianza que percibiran en ti mesmo.

 Moléstame moito ver fotografías de xente desfavorecida sen ningún tipo de xustificación.

Se alguén se te achegase a preguntar polo que andas a facer, simplemente limítate a explicalo sen medo, non estás a facer nada malo. Comenta a túa visión da imaxe, da escena. Fala da túa INTENCIÓN. Amosa a túa foto incluso antes de que cha pidan e se logo seguen a insistir en que a elimines, non o dubides porque están no seu xusto dereito. Borras o arquivo e punto! Sen complicarse en absoluto. Non paga a pena e á outra persoa vanlle sempre a dar a razón.

TRUQUIÑO: Entende que se quixeras levarte unha foto que che pediron borrar, non poderás usala publicamente, pero si no ámbito persoal. As cámaras cas que adoitamos saír a fotografar as rúas son en xeral discretas. Porén, eu prefiro as grandes e máis profesionais porque adoitan dispór de dobre tarxeta. Se configuras a segunda coma copia, aínda que diante do fotografado elimines a fotografía, quedaráche unha réplica na segunda tarxeta. No intre dunha discusión deste tipo, a non ser que a outra persoa sexa tamén fotógrafo ou fotógrafa (o cal é improbábel ou falariamos dalguén ao que o karma debería dárlle unha lección), non se decatarán de que o borrado do arquivo non será definitivo.

Cando quitei esta foto, a persoa que sae estaba a ollar cara min e levaba un tempo así. En canto me viu subir a cámara ao ollo, xirou dándome as costas e deixándome claro que non quería saír na imaxe. Sen querelo, con este xeesto o que fixo realmente foi dárme a oportunidade de incluíla no cadro. Se a túa actitude é boa e non te agochas, poderás traballar sen problemas.

Cando molestas a alguén por unha publicación

Pode acontecer tamén que no intre de obturar ninguén che tivese dito nada ou no se che tivese esixido eliminar a foto.

Moitas fotografías urbanas, a meirande parte delas, chegan a publicarse en bitácoras e redes sociais sen consentimento das persoas que aparecen nelas, sendo en realidade algo normal e bastante habitual. O que non ven sendo de recibo é quitar unha foto e ir preguntando logo á persoa retratada. Iso unicamente serviría para romper o ritmo da sesión e ademais chamaría tanto a atención que o resto de viandantes teríanche perfectamente localizado e fichado; tomaríanche por unha ameaza. Quen será esa persoa que vai por aí cunha cámara de fotos e para colmo ten a dura faciana de interromper á xente con algún conto?

Normalmente a xente non se atopa a si mesma nas publicacións e o máis normal é que sexan outros quenes os avisen de telos visto nunha imaxe. Moitos sentiranse orgullosos e gustaralles aparecer no teu porfolio (dependendo de coma sexa o contido que adoites publicar, claro; así coma a tónica que amoses e que podería ser desde o máis serio até o máis satírico). Haberá tamén quen se moleste en contactarte e estou convencido de que sería algo moi fermoso agradecerllo mandándolles unha copia impresa da súa foto.

Todo aquel que se identifique nas miñas publicacións ten garantida unha copia da foto, así que se estás interesado, búscate porque encantarame saber que houbo un día no que che puiden fotografar.

A pesar de todo, tamén temos que estar preparados para o caso contrario no que a persoa indentificada poida sentirse incómoda e incluso; e a pesar de non terche dito nada, nin solicitar a eliminación da imaxe, levarche ao xulgado por elo.

 


Eu prefiro borrar unha foto antes de pensar que alguén poida sentirse molesto ao identificarse nela. Trato de que a xente queira aparecer nas miñas imaxes porque iso é o que quedará de min ao final.

O normal sería que cho tivesen dito antes. Levar unha demanda deste tipo a un xulgado é demasiado custosa e ao igual ca ti non poderás coñecer con garantas o resultado, a outra parte tampouco. Precisamente, a túa mellor defensa será que a outra parte non che tivera feito chegar as súas impresións ou queixas. Entón, o máis probábel é que che obriguen a eliminar a imaxe e retirala dos sitios onde tivera sido publicada... e xa! O habitual é que todo quede niso.

Pero no caso de que alguén si se tivera posto en contacto contigo e che tivera comunicado o seu sentimento de molestia ante a imaxe, o máis razoábel será sempre eliminala de todos aqueles sitios onde tivara sido exposta. Unha vez feito iso, é probábel que xa non teña que demandarte, en cuxo caso, falará no teu favor o feito de tela retirado inmediatamente pois existirá pola túa banda unha clara intención de colaboración e se o tiveras acompañado dun escrito ofrecendo as túas desculpas será verdadeiramente difícil que a cousa vaia a máis.

Pero chegados a este punto, tamén podería ser que o descoñecemento das partes puidera propiciar que aínda que o fotógrafo poña todo o seu bon facer e voluntariedade en resolver polas boas o conflito, as ansias que moitas persoas teñen en crer que lles van pagar compensancións millonarias, os poden levar a seguir adiante co proceso da demanda. Logo xa se darán cun canto nos dentes... a non ser que che toque un xuíz que decida o contrario que aínda que non é probábel, podería chegar a ser.

Agora ben; se sabes que o fotografado sinte indignación, cho comunica e che segue a dar absolutamente igual e prefires seguir adiante coa exposición pública da súa imaxe, deberías prepararte para o peor. As cantidades esixidas polos xulgados nestas demandas son de cantidades realmente importates e; no caso de ser por tozudez, íalo ter ben merecido. Este tipo de actitudes por parte dalgún fotógrafo que remata desgraciadamente en sentenzas onde se esixe unha compensación económica tan elevada, son carnaza para a prensa e propicia precisamente que haxa xente que insista en demandar... pero ollo! son casos moi excepcionais e distintos entre si. 


Conclusións

Legalmente non podes fotografar persoas na rúa aínda que te atopes nun espazo público e aberto.

Polo contrario, non estás a facer dano a ninguén. Non fas nada malo. Isto resulta moi paradoxal se o confrontamos coa lexislación. Prohíbesenos algo que non dana a ninguén.

Trato de fotografar a rúa , por conseguinte, xente na rúa tamén.

No intre no que te centras na persoa debes saber que deixas de fotografar a rúa para entrar no terreo do retrato e hai quen fala entón dunha disciplina á que chaman retrato de rúa, mais a min non me deixa de ser outra cousa ca un retrato feito en exteriores.

Porén, o xénero que naceu coma 'street photography' consistía precisamente niso, en facer retratos consentidos, pousados e na rúa e; polo tanto, xente na rúa tamén.

É por elo que a min cóstame moito usar os termos 'street' ou 'de rúa' preferindo dicir que fago fotografía 'urbana'... o resto do debate é mera cuestión comercial para poder venderse baixo un determiñado cancelo.

Mais as leis están ben, deberían de ser así, non son perfectas pero tampouco malas e están aí para axudar. Eu en ningún momento opinarei nin direi o contrario. Tampouco a finalidade desta publicación é axudar a infrinxir nin tentar evadir as consecuencias dos incumprimentos desta lei, simplemente que a coñezas e saibas por onde camiñas.

O único que a min me molesta de todo isto é a tremenda hipocrisía que se amosa en certos casos; coma por exemplo, que ergas un teléfono móbil e poidas facer tódalas fotos que che pete pero coma o que leves ao ollo sexa unha cámara fotográfica máis alá dunha pequena compacta, non tarda moito en aparecer alguén para impedircho. Ven sendo habitual en certas datas, en centros comerciais onde se prohíbe fotografar explícitamente mediante sinalización clara e contundente, ver como che convidan a facerte fotos co móbil e subilas ás redes sociais con cancelos que si parecen serlles moi convenientes á hora de facerse publicidade... unha publicidade que lles fas ti de balde e así afórraslles a necesidade de contratar a un profesional... porque si... existe xente que trata de vivir da fotografía.

Así que máis alá de tódalas restricións e complicacións, non perdas as gañas de saíres fotografar na rúa pois é un medio sumamente interesante e importante para documentar a túa vida maila da túa época e... quen sabe? igual podería ser no futuro de moitísima utilidade que alguén atope o teu arquivo fotográfico.


Fotografía cando e onde queiras. O tema está en como uses aquelo que fotografaches.

 

© Anxo Dafonte, 2014 (Revisado: 2021)

Comentarios