Non é polo coche, é pola vítima


 

O verán é unha época na que todos deberiamos estar máis ledos porque a meirande parte de nós pasa algún tempo de vacacións en familia, sae pasear, toma o sol, pónse moreno... mais ás veces penso que pasa factura. Algún turista non debe vir acostumado a certas temperaturas ou calidades de brisa porque tórraselle demasiado o cerebro e cando chega aquí fríxinlle as ideas. Nesta terra as cousas soluciónanse falando e non insultando nin ameazando. Cando imos ver un solpór imos a pasalo ben e non a amolar a ninguén. Imos gozar do clima, da paisaxe e da familia. Non a reventarlle o día aos demais nin a facermos o gorila nin o Conor McGregor por aí en diante que parece que vemos moito cine de acción e temos na cabeza moito Marvel de superheroes. 

Unha fabulosa tarde que rematou nunha surrealista cea de idiotas



Gústame moito ir por Camariñas, ademáis do seu icónico faro no Cabo Vilán, a súa mariñeira vila de máxicos encaixes sempre che recibe cos brazos ben abertos e cun galego que morres de infarto e gusto de escoitalo en tódalas esquinas. Camariñas é un amor por onde o mires.

Así que onte, sen tarde programada, desde Santiago non hai tanto que percorrer e nunha patadiña póste nun lugar fermoso onde o vento acariña e faite vibrar co seu clima suave e a súa costa faiche lembrar que a Mar ten un nome que comeza con maiúscula e remata con R de Respecto, onde a Costa da Morte cobra o seu apelido con sangue internacional e incluso os ingleses teñen aquí o seu propio cemiterio.



Os percebeiros xóganse a vida nas rochas batidas pola bravura dunhas augas que se lle perdes a ollada non cho van perdoar. A superficie branca escumosa que forma esa batida fervorosa, onde abren camiño os demos abisales que sacan as fauces desde os fondos mariños dispostos a levar a calquera incauto que se deixe caer ao mar; contrasta ca tranquilidade da superficie escachada ás veces polas fortes rachas de vento que non son nada co que pasa a ras do mar. Desde enriba, a auga parece translúcida, case tropical, máis é fría que corta coma o xeo.



Pero aparte das dilacións literarias que lle poida meter coma acompañamento de texto a calquera das fotos, en sen ter en conta o remate da historia, co que a final voume quedar de todo isto son con estas primeiras imaxes e coas do remate, xa que foi un serán en familia inesquecíbel, dos poucos que podo ter ao longo do ano, e deses que axudan a que a miña cor de Nosferatu tizne pouco a pouco a un moreno máis galego. 



Non hai mal que por ben non veña... ou é ao revés? Igual vai ser que é viceversa!

Pois resultou que din cun tipo dos que fan historia e gustaríame contar a súa porque vaia tela! Vai ser un deses que veñen ao mundo só para reventarche unha boa xornada, para amolarlle o día á xente de ben. Un deses individuos que non só fan o que lles peta senón que ademais pénsanse que son os amos do mundo, que neste país todo se ten que arranxar cos puños, con coitelos, con pistolas... e non! non era magrebí nin viña de ningún país africano nin americano. Era dos de aquí... dos españois moi españois.

Imos poñer as cousas en contexto. Apenas saio co coche, só da casa ao traballo e do traballo á casa. Son un friki dos aparcadoiros cubertos e vixiados (igual porque traballo neles e sei como vai o conto) e non me digades o porqué, máis non existe ningún que sexa caro, dígovolo eu! Teño un vehículo de aluguer noviño, menos dun ano e menos de 4.700 quilómetros percorridos. Nin un so rasguño. Nin o primeiro! Houbera un tipo que saíndo rozárame a defensa de atrás, pediume desculpas, aceptou o parte e fíxose cargo, arranxado! coma a xente normal. Esa rozadura deixou de existir sen problema, coche novo. Así fanse as cousas. O mesmo faría eu no seu caso contra outro vehículo.


Fixádevos no coche que queda aparcado o primeiro na beira da estrada, o Arona azul. Ese é o meu. Fun o primeiro en aparcar aí e logo foron chegando os demais. A foto tireina estando enriba, xusto cando fixen a dos eolos que logo veredes máis adiante. Quedádevos con isto. Coma sempre son o último en marchar, cando saímos pois xa case non había vehículos e eu tiña golpeado no lado do condutor. Se non vise como lle daban o golpe, fixádevos que teño un Suzuki xusto ao meu carón, obviamente, pensaría que o que me dera o golpe, sería ese vehículo na manobra de saída ao dar marcha atrás. Pero o que vin foi máis surrealista. Quedádevos que o noso protagonista ten conto para rato.


Coma cando baixamos eu xa tiña a cámara gardada na mochila, pois non fixen fotos do aparcadoiro. Quen ía pensar no que estaba a piques de acontecer? Así que con axuda da IA xenerativa, fixen un retirado de vehículos da esplanada para que vexades como estaba antes de que esa Renault Kangoo que queda á esquerda da foto, soíña e sen obstáculos, lle dese por saír e bater non unha vez, senón dúas! contra o meu coche aparcado nun recunchiño de todo o lugar.

Cando estabamos baixando, vin que esa Kangoo estaba co seu morro totalmente pegado ao lateral do meu vehículo e díxenlle a Patty "oes? ese coche non está demasiado pegado ao noso?" parecíame innecesario con tanto espazo que tiña, que estivese manobrando tan preto, era algo moi raro. Que facía? Entón eu por inercia comecei a apurar algo o paso, pero a miña familia quedaba algo atrás.

Niso que a Kangoo moveuse e pasou para a parte dianteira da roda do lado do condutor e aí foi que escoitei un ruído xordo máis vin mover o coche. Foi aí que xa lle berrei a Patty "correde! que lle bateron ao noso coche! correde!" entón todos botamos a correr estrada abaixo.

A Kangoo puxo os catro intermitentes e separouse un chisquiño do meu coche e aí foi que unha señora abriu a porta do copiloto e saíu do coche. Entón eu, que pensei que a intención era de parar mirar e deixar unha nota e coma estaba relativamente preto, coma a vintecinco ou trinta metros, deixei de correr. A sorpresa foi que a señora rapidamente meteuse dentro do coche e arrancaron collendo a estrada.

A miña reacción foi baixar a mochila abrila e sacar o máis rápido que puiden a cámara porque sabía que o móbil non me daría a matrícula, tiña que tentalo cun lente profesional e logo xa vería de tratar de recuperar a foto na computadora coma puidera. Pero o ser humano (coma calquera especie animal) ten certo instinto; e ese tipo non ía ser menos. Non se pode evitar. Ese instinto obrigoulle a deter o vehículo a uns cincoenta metros a revisar danos no seu coche. Tempo abondo para que eu puidera capturar a seguinte fotografía.



Obviamente, coma fotógrafo, son coñecedor de certas leis e non vou publicar máis ca historia, sen matrículas, pero dispoño delas. Ben xusto puiden tirarlle a foto á señora subindo á Kangoo logo dunha rápida inspección para comprobar danos no seu vehículo. Foron rápidos pero porque tal e coma seguiron acontecendo as cousas, penso que entenderon que revisar un vehículo diante doutro que deixaron escarallado, sería dar pistas ao dono de quen foi o culpábel. Con todo, penso que iso, tal coma son este tipo de personaxes, importa pouco. Pero bon, todo un detalliño pola súa banda.

Primeiro golpe na primeira manobra

Non contentos, repetiron e deron un segundo golpe

No segundo golpe, engancharon tamén a defensa do antinéboa

Perseguindo a Connor McGregor

Cando arrancaron, botamos todos a correr os ultimos metros e comezamos unha persecución polas pistas mentres buscabamos o número da Garda Civil para denunciar ca esperanza de que os interceptaran e polo menos deran explicacións senón ante nós, ante unha autoridade. Pero o que a min me interesaba era realmente poder falar con el e que cubrira o parte de accidentes coma a xente normal. 


Non sei se coñecedes as pistas de Camariñas. Pero o primeiro desvío a ter en conta xa é se tiran cara o Cemiterio dos Ingleses ou van cara a vila de Camariñas. Nós optamos por Camariñas e se acertabamos ben e se non pois xa estabamos en roteiro cara a volta a casa.

O caso é que acertar nunha decisión non quere dicir sempre que sexa a correcta. Neste caso está claro que non, de feito foi bastante incorrecta tal e coma se deron os acontecementos.


A máis ou menos dous quilómetros do faro en dirección Camariñas centro, atopámonos co novo Miradoiro do Alto da Vela onde atopamos cravadas vinte piqués que non teñen nada que ver co fútbol nin ca Shakira, senón cas agullas coas que as mulleres desta fermosa terra fan eses encaixes que podes levar ata nas mangas das camisolas e que non vexas o ben que quedan!

Pois xusto ao chegar... adeviña a quen atopo!

Exacto! Alí a estaba! A Kangoo detida e a señora facendo unha revisión de danos do seu vehículo que coma eu saín segundos despois deles, pois tampouco lle debín dar moito tempo. O caso é que no mesmo intre no que veu chegar o meu coche e o recoñeceu, o curioso foi que para ter acabado de chegar ao miradoiro, entroulles a présa por marchar. Pero eu, cando detiven o coche, cometín o erro de non aparcar senón estacionar xusto tras del.

Cando saín do coche. O único que fixen foi saudar e preguntar se se decataran de dárlle un golpe ao meu coche e nese mesmo intre xa me vin cun tipo a piques de agredirme ao máis puro estilo UFC.

Non atendía a razóns... Eu tentando falar con el, e el a berrar"¡Quita la mano que te mato! ¡Qué no me toques que me haces daño! !Qué me sueltes!" desde o segundo cero e amosándome o puño. Facendo amagos de dárme puñetazos. De feito eu houbo un intre no que ollei para el e díxenllo claro "Dáme!". Nese intre decidín mover o coche para que fixera o que quixera e díxenllo. 

"Puede usted irse si quiere"

Así foron as miñas últimas verbas... as súas foron "Feo. Mira qué feo" e supoño que el pensa que cousas coma esas poden afectar a unha persoa de máis de cincuenta anos. Pero seguro que é o mesmo polo que certa xente pensou que pode afectar a unha campioa coma Paula Leitón por meterse cun grandísimo físico de medalla de ouro. Non sei. E iso está grabado en vídeo. 

O malo desta historia é que ese tipo levaba un rapaz menor de idade no coche. Nós levábamos tres rapazas menores de idade no coche. Realmente é ese o exemplo que lles dámos ás novas xeneracións.

Lembro frases soltas do esperpento ese, coma "Estás temblando"... a ver... non é para menos. Os nervios! Pois claro! Estanche a facer bullying diante da túa filla, con insultos, puño alzado, ríndose, insultándote, provocándote, non só diante da túa filla, senón tamén diante das súas amigas. O que che pasa pola cabeza son moitas cousas. E ningunha paga a pena. Por un estúpido coche? Ese tipo sabía o que facía? Non! Por suposto que non. E desde aquí, agardo facelo viral e que... bon... ía dicir que fixera reflexión pero... reflexión? 

Que reflexión vai facer un tipo sen miolos? A ver? 

Igual ca súa señora! Outra que tanto baila. Vaia dúas patas para unha mesma mesa. 

Iso si. Sinto magoa por alguén nesta historia. Moita magoa.

Aquí SI HAI UNHA VÍTIMA.

O rapaz que viaxa nesa Renault Kangoo ten un problema e é un problema moi, moi gordo. Precisa axuda e agardo haxa alguén que o saiba ver antes que sexa demasiado tarde.


Pagar pagarei, pero a violencia non pode saír de balde

Parece mintira que un lugar tan fermoso fose testemuña de tanta violencia por unha cousa tan sinxela coma rozar un vehículo e asinar un parte de accidentes para que un par de aseguradoras se ocupen do tema. A xente pensa que lle van a subir a prima e iso acontece só por acumulación de partes e non por dar un. Temos aquí logo a alguén que acumula partes coma cromos? Pois igual alguén violento e que ademais é un perigo para o resto de condutores non debería conducir. Punto

Teño claro que a cousa en canto ao arranxo do coche vaime tocar a min, porque neste mundo de burocracia, legalidades e formalismos, a cousa pinta mal e ademais o meu seguro, aínda que é a todo risco teño unha franquicia de trescentos euros. E pode incluso que de non dar parte me tocase pagar menos aínda. 

Pero agardo polo menos que o conto fágase un chisquiño viral. Que a xente reflexione sobre a violencia e sobre o tratamento que nos dámos os uns aos outros. Que somos o exemplo das nosas crianzas. Que xa vale de paspáns.

Agardo que esta última imaxe serva para dar luz e inspiración no camiño.

Compartide se sentides afinidade co pensamento que vos deixo.



Comentarios