O camiño infinito de Andoni Moreta

Andoni Moreta 

Andoni Moreta Hernández, un profesor éuscaro cuxa experiencia vital ligouno ao Camiño de Santiago... que pasou a ser, o seu Camiño de Vida.


Un encontro casual... ou non tanto

O  día que coñecín a Andoni foi, coma non podía ser doutro xeito, un día de fotar. A miña cabeza estaba centrada nunha fotografía que levaba maquinando desde había unhas semanas, desas fotos que fas coa mente desde o coche. Ese día estaba máis ou menos a un quilómetro do lugar e a pesares de que quedábame algo a desmán (tiña que recoller a unha persoa unha hora máis tarde), aproveitei a oportunidade. Nesta afección sabemos que hai que aproveitar cando está para un ou pode que na seguinte visita xa non haxa foto.

Ademais, deuse a casualidade de que ese día fixen algo que non é acostumado en min: escoitaba música a través dos auriculares do teléfono móbil.

Cando estaba chegando á localización da foto, tiven a impresión de que un home estaba a chamar por min sentado nun banco público, pero de primeiras non lle fixen moito caso, a miña cabeza ía centrada na foto que tiña uns metros máis adiante e coma son un tipo pouco falador (nótese ironía) sabía que deter a miña marcha equivalería a esquecer tirar a fotto que me levou até o lugar.

Quitada a foto, mirei o reloxo e pensei que tería aínda un ratiño para falar con aquel home e, se algunha cousa aprendín da Fotografía, é que sempre ven a amosarnos historias interesantes durante as nosas saídas. Ista non ía ser menos.



O primeiro contacto con Andoni

Cando cheguei xunto daquel home sabía que a súa historia íame gustar e tamén que non habería tempo abondo para profundizar nela. Sabía que tería pena de non poder falar longo e detidamente con el, por culpa do tempo, iso que na cultura occidental condiciona tanto.

O señor non tiña mala presenza pero notábase que era unha persoa que vivía nas rúas. Nunca me gustou, coma fotógrafo urbano, tirarlle fotos a xente desamparada ou vulnerábel. Por suposto, levaba as miñas cámaras colgando pero en ningún intre tiven intención de quitarlle unha foto nin a tería en calquera outra saída, polo menos dun xeito que se puidera ter identificado ou que aproveitase a súa situación. Así que cando vin con quen ía comezar unha conversa, non o fixen pensando en fotar, senón en respostar ao que coidei era unha chamada e axudar no que fose posíbel de darse o caso. Quixera aclarar antes que a conversa tivo lugar en español e non en galego, todo o que vai de seguido é unha transcrición feita de memoria e adaptada ao meu idioma.

-Boas tardes, señor -saludeino- tiven a impresión de que antes falaba comigo pero non estou de todo seguro se era a min a quen se dirixía.

-Si, era por vostede -respondeume Andoni.

-E que é o que desexaba?

-Só lle preguntaba se esas cámaras facíano fotógrafo.

-Como? -De primeiras non comprendín a pregunta e, foi por prexulgar; si, confeso que son culpábel de ter prexulgado a aquel home, porque se a pregunta ía coa intención que debía de ir, tiña que estar ante alguén culturalmente moi avanzado.

-Leva vostede unha cámara colgando do pescozo que penso que o fai fotógrafo, pero tamén estoutra máis pequena que non parece quedárselle moi atrás, colgada do brazo e que tamén o fai fotógrafo.

Nese intre, decateime de que ademais da música, hoxe decidira saír con dúas cámaras a facer fotografía urbana, unha gran Olympus EM-1X e tamén a pequena Olympus EM-10 Mk III. Din que para facer fotografía na rúa hai que pasar desapercibido e que por iso temos que levar cámaras pequenas, pero eu penso que tamén parece máis sinceiro facer que te vexan, non ocultar o que estás a facer. Son dous xeitos de ver e de acturar nesta disciplina fotográfica.

Ao aceptar que ía ter que enfrentar un home máis culto do que me tiña parecido, decidín respostar tal e coma faría con calquera outro fotógrafo:

-Pois non, as cámaras no me fan fotógrafo, nin a min nin a ninguén. Xa podería ir con vinte cámaras enriba (aínda que foran Leicas, Hassel ou Rolleys) e non me converterían necesariamente nun fotógrafo.

-E entón, que é o que o fai fotógrafo a vostede? Porque tenme pinta de fotógrafo -Víase que Andoni tiña intención de levar el a conversa e iso a min non era tampouco que me importase moito.

-O que me fai fotógrafo é a intención.

-"A intención" -imitoume- non agardaba que me dixera iso; sabe unha cousa? a min téñenme feito moitas fotos.

-Non me sorprende -respondinlle eu ante ese brusco xiro- vostede ten un rostro moi interesante.

-Por?

-A súa pel amosa o paso do tempo, pero non un paso calquera. Podo ler nas súas engurras a suor de quilómetros camiñados, experiencias boas pero tamén terríbeis. É unha persoa que calquera fotógrafo quixera retratar.

-E por que sendo vostede fotógrafo aínda non o fixo? -boa pregunta!, pensei.

-Porque non o faría sen o seu consentimento e porque aínda que fago retratos, e; de feito encántame facelos, hoxe viña a outra cousa e estaba coa cabeza nunha fotografía urbana, que é o que realmente gústame facer. Eu non son xornalista, tampouco fotógrafo profesional. Son un afeccionado pero considérome fotógrafo pola intención. Porén, e; se vostede mo permite, por suposto que estaría encantado de quitarlle un par de fotos.

-Adiante -concedeu- as que vostede queira, xa estou acostumado a elo. Como quere que me poña? quere que mira á cámara? fago algunha cousiña en particular?

-Non, grazas, non quero que faga nada que non estivese facendo antes da miña chegada, quen se ten que mover son eu. Vostede o que pode facer é esquecerse uns segundiños de min pois non penso tardar moito máis.

Catro fotos foi as que lle fixen, nin unha máis. Dúas ca EM-10 porqur tiña montado nela un 17mm (equivalente a un 34mm en FF); e outras dúas ca EM-1X na que tiña montado un 45mm (que equivale a un 90mm en FF). Non me levou máis dun minuto conseguir aquelo que quería e seguidamente quedeime sentado ao seu carón no banco.

-Rematou xa? -preguntoume sorprendido- Nunca antes tardara ninguén tan pouco tempo en facerme unha foto.

-Non preciso máis, eu non miro coa cámara, fágoo cos ollos, así que a cámara só vai reflectir o que os meus ollos queren lembrar e, para iso, non preciso tirar trescentas fotos. Con dúas, unha con cada cámara e por iso o fado quixo que levase as dúas, abonda.

Logo diso, quedamos falando un ratiño na bancada onde estabamos sentados e alí foi cando aprendín algo sobre a súa vida persoal. Explicoume entroutras cousas que tiña saído nalgún xornal e que non era conto, que só tiña que escribir en Internet o seu nome e apelidos para ver que era un tipo máis ou menos coñecido.

Ese día despendinme asegurándolle que investigaría un pouco máis sobre quen era e deixeille claro que desexaba poder volver a velo e gozar xuntos do resultado daquela pequena sesión. Tamén deixeille unha pequena propina para que puidese tomar algo por aí, o que lle apetecese.


A historia de Andoni

Andoni Moreta Hernández era mestre nun centro de Educación Especial de Euskadi, casado e pai de familia con tres fillos, non podería chegar a imaxinar a primeiros de século o rumbo que a súa vida collería por mor da súa profesión, que tamén era a súa vocación.

Hoxe vai camiño dos setenta anos de vida, unha vida que foi dar un xiro de cento oitenta graos cando tiña cincoenta e tres, un 16 de febreiro do 2008. Nesta fatídica data, unha alumna autista de Andoni caeu pola fiestra do centro desde un primeiro andar coa mala e desgraciada sorte de quedar en estado de coma. Desde entón, Andoni que non era relixioso, quedou moi afectado, rezou a quen lle puidera escoitar e pedíu pola salvación da nena comprometéndose a facer o Camiño de Santiago se algún deus o escoitaba e axudaba.

Aos poucos, a moza de doce anos amosou unha lixeira recuperación comezando a mover os dedos mailas dedas. Coma bo pagador, Andoni comezou o 9 de marzo do 2008 o seu Camiño tal e coma prometera. E a promesa tiña que ser cumprida até o día da recuperación absoluta da súa benquerida alumna.

Desde entón, Andoni non deixou de camiñar e xa estamos a chegar á segunda década percorrendo camiños e estradas, indo e vindo polo Camiño de Santiago ademais doutros roteiros alén das nosas fronteiras, pois camiñou por moitos lugares de Europa e incluso chegou visitar Siria en tempos onde o conflito xa estaba a ser patente nas rúas, un lugar ao que di que lle gustaría volver pero que non ve posíbel actualmente.

Nos seus roteiros sempre volve por Galiza, un lugar onde síntese ben recibido pola xente. Sempre atopa algún lugar onde durmir. No seu camiño atópase con persoas que o convidan a durmir en hoteis ou albergues; que por certo, asegura que non son lugares para o descanso da xente pobre, "hoxe os albergues son máis un negocio turístico ca de peregrinaxe". Coma o propio Andoni di, "un pobre non pode facer o Camiño".

Andoni será lembrado por moitos camiñantes e peregrinos sobre todo polos seus primeiros anos de aventuras nas que ía acompañado dunha cadela chamada Tau de raza cruzada entre pastor belga e lobo. Un agasallo recibido duns militares en León. Esa cadela foi medrando tanto que ao final, por evitar problemas, decidiu deixarlla a un amigo de Burgos onde quedou moi ben coidada.

O seu camiño xa non se detivo máis, pero el vive tranquilo e feliz co que fai. Non sofre remoros familiares; pois entende que a súa familia, ademais de apoialo na súa decisión, non queda mal. A casa que tiña quedou para a súa cónxuxe e as súas fillas contaban xa con corenta anos de vida e polo tanto, tampouco quedaban desamparadas. Non son quen de xulgar estas decisións e coido que ningún lector debería selo tampouco; igual, os únicos con potestade de facer crítica ao respecto deberían ser os seus propios familiares cos que nunca tiven oportunidade de falar e polo tanto dos que descoñezo as súas opinións.

A pesar da súa apariencia, non é un tipo que pida cartos, porque segundo el mesmo me dicía, non sabe facelo. Tampouco sabe nin quere roubar. Os cartos que consegue son os que a xente lle ofrece voluntariamente. Ás veces, un lugar onde quedarse a descansar; outras, un bocado que levar a boca; a meirande parte das veces, algo de diñeiro. El non precisa máis. O ten pasado moi mal, pero tamén ten unha gran colección de boas anécdotas en todo o tempo que leva camiñando el so coa súa mochila... e tamén de antes con Tau, por suposto. Andoni; con todo, prefire esquecer as cousas malas e quedarse só co bo da vida. Así síntese feliz e iso é todo o que precisa o seu motor para poderse mover.

Eu podo dar fe de que sabe falar, porque é un tipo educado; e de que tamén é difícil que alguén que o coñeza e se deteña a falar un pouco con el non acabe por dárlle algo de cartos.

Iso si, quedoume ben claro que con tantos quilómetros percorridos (que a día de hoxe calcúlolle a ollo máis de trinta mil), Andoni é un ser moi especial e cunha forma física espectacular que xa nos gustaría a máis de un.


Un agasallo sen importancia... ou quizás teña moita

O meu último encontro con Andoni antes de escribir esta publicación moi en maio do 2023 e xustamente no meu barrio, no Milladoiro. Alí sempre se sitúa na mesma esquina e pódeselle ver sentado durante días no mesmo lugar (no cruce entre a Rúa da Cruxa coa Avenida de Rosalía de Castro) ata que volve colgarse a mochila e parte cara un novo destino. Pregúntome como foi posíbel que non me tivera atopado antes con el aínda que por outra banda alégrome por elo, porque igual non tivese acontecido a mesma maxia.

Estabamos chegando ao Nadal do 2022 e leveime unha grata sorpresa ao atoparme con el nese recuncho. El tamén me recoñeceu nun ir e vir. Díxenlle que levaba présa e dínlle unha propiniña explicándolle que se quedaba alí un tempo, volvería para facerlle entrega dun pequeno agasallo que tiña pendente e que aproveitaría para sentarme un ratiño ao seu carón e charlar un chisquiño con el e así facerlle algo de compaña de paso.

Rematei cos meus recados e cando volvín, no sitio non atopei máis ca mochila. Agardei uns minutos até que regresou. Chovía. Sentámonos un ao carón do outro e díxome sen tapuxos que viña de gastar a miña propina na máquina recreativa dun bar. Confirmeille o que xa sabía de min, que non o ía xulgar por elo e que agradecía a sinceridade. Eu entendo que el sabe ben co que conta cada día e ten previsto tanto como , onde e cando vai comer ou durmir. Non me causou preocupación algunha. Unha persoa capaz de sobrevivir ao longo de tantos quilómetros non precisa nada de min e moito menos compaixón.

Contoume que pasaría un par de días máis nese lugar, que era no que quedaba cando pasaba polo Milladoiro e que lle gustaba porque a xente tratábao ben. Mentres pasabamos ese tempo xuntos, vin como a xenerosidade do meu vecindario facíase notar e máis dunha moeda deixouse caer a pesar da miña presenza.

Díxome tamén que a Policía Local o tiña botado esa mesma mañá das pistas deportivas que hai ao carón do Pavillón Polideportivo onde se atopaba a cuberto tratando de durmir un pouco. Expliqueille que xusto alí tamén hai colexios e que se non o coñecen, é moi posíbel que o rematen botando por seguridade; que o tiña que comprender. Pero tamén son da opinión de que as autoridades deberían entender que non é unha persoa conflitiva nin se mete con ninguén. Os dous puntos de vista son comprensíbeis. Pero o problema que ten Andoni é que moita xente non sabe o que hai detrás da súa historia nin o nivel de educación que pode chegar a ter alguén nas súas condicións. O ser humano e, aí non libro nin eu, tendemos a prexulgar. Marcar a diferenza é ofrecermos a oportunidade de trocar ese diagnóstico inicial.

Foi entón cando arrisqueime a presentarlle un agasallo que non sabía de primeiras se o ía gardar ou empregalo coma papel hixiénico. Tampouco me importaba moito; máis ca un agasallo, era o seu dereito.

Fíxenlle entrega de dúas das fotos que lle quitara, impresas a un tamaño de vinte por quince centímetros. Cando as viu, díxome que lle gustaban moito e xusto cunha frase que nunca esquecerei: "Sabía que ías facer algo distinto e persoal a tódalas outras fotos que me tiraran anteriormente". Iso, para un fotógrafo, é unha compensación de moito valor. Alégrome moitísimo de que lle tiveran gustado. Aproveitei para preguntarlle se me deixaba publicalas e falar del e do noso encontro. Non se opuxo, simplemente díxome que el non tiña Internet, ao que eu repliqueille que nin falla tiña delo.

Os fotógrafos sempre quedamos con algo dos nosos retratados e; neste caso, Andoni quédase con algo meu tamén. Agardo velo de cando en vez... Bon Camiño, Andoni!

 

Comentarios