O Entroido na Galiza

 Nesta publicación non fechada iremos vendo aos poucos as personaxes máis representativas dos entroidos tradicionais galegos.

As madamitas e os madamitos



Na Baixa Limia é normal atoparse con estas figuras por parellas. Con porte elegante cunha base branca, van cubertas cunha capa ou cunha mantiña vermella. Os homes visten tamén faixas da mesma tonalidade vermella.

As mulleres portan un chapeu de palla do que cae un velo de tul. Os homes levan un capirote de cor vermella con cintas. Tanto no caso delas coma no deles, cubren a faciana cunha máscara branca.

Verín




Existen moitas semellanzas entre os seus desfraces tradicionais, tantos que cando revisei as imaxes que tiña para facer o que na linguaxe fotográfica dicímoslle edición e que para o resto de usuarios ven sendo unha selección de fotos, ao ver a que che comparto, non sería capaz de distinguir ao Cigarrón dun Peliqueiro de Laza se non tivera sido pola sinatura da súa máscara na que con claridade podemos ler o lugar de procedencia.

Santiago de Arriba (Chantada)

Se persoalmente teño predilección por un dos traxes tradicionais nestas datas é quizás polo do Maragato, a pesar de que o máis representativo de O Ribeirao (así lle chaman a esta festa en Chantada) serío o dos Volantes.


A misión do Maragato é a de protexer ao Volante (na imaxe podémolo ver por detrás do Maragato). Trátase dunha personaxe con moito impacto visual ao estar fabricado con peles, ósos e cornos de animal, o que lle confire unha pinta bastante aterradora, sobretodo se o tentamos ollar desde unha perspectiva infantil. Para maior impacto, na súa misión adoitan relacionarse co público dun xeito pouco amigábel, pero no seu favor direi que non dubidan en solucionalo se detectan que unha crianza foi impresionada en exceso, ao melo así o testemuño eu co protagonista da foto.

A Merca (Ourense)




Os Galos da Mezquita estiveron a piques de desaparecer, faltoulles pouquiño e; de feito, non saliron desde o ano 1965 até entrado o século XXI e a pesares dun intento fallido nos anos noventa. Recuperounos un mozo que aos poucos foi convencendo a máis persoas para poñerse a tradicional máscara.

A día de hoxe, as mulleres poden portar a traxe, pero non sempre foi así; tradicionalmente e, coma con case tódalas personaxes das que aquí che falarei, só lles estaba permitido aos homes. Niso tamén imos avanzando aos pouquiños.

Viana do Bolo




Posibelmente se trate do festexo do Entroido máis antigo que coñecemos de Galiza e tamén un dos máis auténticos do continente europeo.

Na fotografía apreciamos un Folión preparándose para o desfile. Este xesto chamoume poderosamente a atención e as mans, que en realidade están a axustar a máscara, parecen amosar máis sorpresa ante algún acontecemento que non quixera presenciar. Unha mensaxe que potencia a personaxe desenfocada do fondo. 

Estas personaxes acompañan ao Boteiro nos tradicionais desfiles da localidade ourensá, unha das máis representativas do Entroido galego.

Ulla




Sempre resulta espectacular asistir a unha das peculiares batallas que montan Os Xenerais da Ulla.

Pode ser que a orixe desta personaxe sexa belicista, pero hoxe son un dos máis representativos dos entroidos que celebran os concellos da conca do río Ulla, un dos máis importantes da Galiza.

Desfilan a cabalo que tamén van adobiados acorde ao humano que os guía, algún deles incluso cun espello fixado sobre a cabeza.



Son acompañados por Correos que normalmente son formados por mozas (desde hai uns anos) e mozos con traxes algo máis humildes que van anunciando a chegada dos xenerais. Entre os correos sempre hai unha persoa portando unha caixa de madeira na que o vecindario pode introducir as súas donacións que ademais teñen coma recompensa unha paradiña especial dos xenerais para saudar espadín en alto.

Comentarios