As personaxes máis destacadas e un avance do Entroido para o 2023 na Cidade Patrimonio da Humanidade
O pasado sábado día 3 de setembro do 2022 tivemos a oportunidade de asistir a un interesantísimo desfile cultural. Un desfile que ten coma finalidade a recuperación dos nosos festexos de Antroido tradicionais esquecidos polo tempo e mantidos nos lugares máis remotos por moi pouquiña xente que fai hoxe o posíbel por dinamizalos e revitalizalos.

Madamita de Lugo repartindo libriños informativos entre o público asistente.

O ambiente musical da praza
Sen palco e ao tolo
Sorprendeume un chisco a inexistencia dun palco e incluso de que se chegase a colocar unha loneta tras os músicos para separalos dos convidados que se situaban na zona de saída coas súas comparsas e personaxes.
Algunhas das personaxes dos nosos Antroidos tradicionais
De seguido déixovos unha selección dos que puiden captar e que ao mesmo tempo parecéronme máis impactantes a nivel persoal.
O Entroido de Verín
Existen moitas semellanzas nos seus desfraces tradicionais, tantas que cando revisei as imaxes para facer o que no argot fotográfico chamámoslle edición e que para o resto de mortais ven sendo a selección de fotos, ao ver esta que vos amoso aquí, non sabería distinguir ao Cigarrón dun Peliqueiro de Laza se non tivese sido pola sinatura da súa máscara na que con claridade podemos ler o lugar de procedencia.
Se cun programa informático de retoque lle retirase esas sinaturas, podería facerlle tamén unha dedicatoria aos Peliqueiros de Laza, porque tratándose de imaxe fixa non poderías apreciar a diferenza entrámbolos dous: o seu xeito de moverse. É no único no que vin distinción algunha, en coma corre cada un deles... pero iso pode servirme tamén para lembrar facer un vídeo de cando en vez. Así que esta parte deixámola para outra oportunidade.
Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada)
Se teño predilección por un dos traxes tradicionais nestas datas é se callar polo do Maragato, a pesar de que o máis representativo de O Ribeirao (así lle chaman a esta festa en Chantada) sería o dos volantes. Teño fotos no meu arquivo dalgún; porén, non me parecen dignas e deixarémolo para a seguinte ocasión e deste xeito farémoslles máis xustiza.
A misión do Maragato é protexer ao Volante (na imaxe podémolo ver detrás do Maragato). Trátase dunha personaxe con moito impacto visual pois está fabricado con peles, ósos e cornos de animal, o que lle dá unha pinta bastante aterradora sobretodo se o tentamos ver desde unha perspectiva infantil. Para maior impacto, na súa misión adoita interactuar co público dun xeito pouco amizábel... pero tampouco dubidan en solucionalo se detectan qu eun neno foi impresionado de máis, polo menos así o vivín eu co protagonista da foto.
Galos da Mezquita
A esta personaxe non a tiña eu localizada e recoñezo que foi todo un descubrimento para min. Trátase de Os Galos da Mezquita de A Merca (Ourense) que nesta ocasión participaban coma "convidados". Trátase dun dos mellores motivos para asistir ao desfile pois ademais de festas recurrentes anuais tamén convidan novas localidades que teñen así a oportunidade de dar visilidade ao seu festexo.
Non teño aínda moi claro a día de hoxe que pertencese ao grupo dos Galos da Mezquita, pero o seu curioso e chamativo peiteado dicíame que así podería ser. A verdade é que a súa presenza era moi potente no desfile e tiven a oportunidade de retratalo deste xeito que me parece así e todo moi favorecedor. Así que aproveito para deixarlle esta pequena homenaxe ao que eu dei en chamar O Galo do Galiñeiro... ou seica non o parece?
Viana do Bolo
Posibelmente trátase o festexo do Antroido máis antigo da Galiza que coñezamos e tamén un dos máis auténticos do continente europeo. A fotografía seguinte, se non estou errado, porque coma pódese intuír, non era doado apreciar nada grazas á deficiente organización na Praza do Obradoiro, podería ser un Folión preparándose para o desfile. Ese xesto chamoume poderosamente a atención e as mans, que en realidade estan a axustar a máscara, parecen amosar máis un xesto de sorpresa ante algún acontecemento que non quixera presenciar. Unha mensaxe que potencia a personaxe desdebullada no fondo.
Estas personaxes acompañan ao Boteiro nos tradicionais desfiles da localidade ourensá, unha das máis representativas do Entroido galego.
Xenerais da Ulla
Pode ser que por cercanía a Santiago de Compostela ou polo espectacular da posta en escea cando hai animais tan grandes de por medio (coma pode ser un cabalo), a xente anímase moito máis e o público, coma non podía ser doutro xeito, enlouqueceu coa aparición dos Xenerais da Ulla.
Os xinetes pasaron rapidamente á posición de inicio do desfile e no mesmo intre en que estivero colocados, supoño que para evitar no posíbel o estrés das súas monturas, o desfile deu comezo. Teñamos en conta que ninguén coma eles ama a eses animais e non desexan que sufran ningún dano. Comento isto porque xa sei que hai moita xente que critica certos desfiles onde aparecen cabalos ou outro tipo de animais. E eu non o defendo, simplemente comento o que me pareceu e non detectei maltrato algún neste desfile, pero tampouco tiven oportunidade de preguntarlle ás monturas. Non ven de máis lembrar que moitas sofren moito estrés e desgrazadamente, xa tivemos novas de varias perdas en rodaxes importantes. Que ollo! Non digo que o caso sexa o mesmo, pero tampouco están ante tanta xente nunha rodaxe coma nun desfile urbano.
Todo aconteceu  tan rápido que os asistentes non tivemos nin a oportunidade de asistir ao famoso cruce de verbas entre ribais, que é un dos reclamos máis interesantes destas personaxes e do que se hai oportunidade falareivos en posteriores edicións... pero a carencia dunha batalla (por pequena que fose) entre xenerais, podería ser pouco doado de perdoarlle á organización.
O caso foi que en canto todos estiveron situados na liña da saída o desfile deu comezo e para cando quixémonos decatar, xa non quedaba nada na praza pois desde a esquina de Raxoi pasaron por diante do Colexio de San Xerome xirando cara Fonseca e todo nun ir e vir.
O desfile da xeneración TikToker
O que si sempre consegue chamarme moito a atención é a dificultade que supón tirar fotos nos nosos tempos cunha cámara pegada ao ollo.
Dá moito máis traballo encadrar unha personaxe que facerlle un seguimento con toda a tecnoloxía que nos permiten os nosos equipos; porque, en canto te quixeras decatar, alguén che tapou co seu teléfono móbil.

Poderíache interesar:

Back to Top